Friday 22 de November de 2024

Cine e espectáculos para público familiar cos que desfrutar da cultura no verán pobrense


O calendario de actividades para desfrutar do verán na Pobra do Caramiñal continúa medrando coa incorporación de novas propostas culturais destinadas ao público familiar. Un total de catorce actividades de balde que se repartirán ao longo dos meses de xullo e agosto protagonizadas por sesións de cine e espectáculos ao aire libre organizadas pola Concellaría da Cultura, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.

A edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, foron as encargadas de detalla-lo contido destas accións que se focalizarán no Cantón da Leña, agás aquelas con carácter itinerante, durante as últimas horas da tarde.

Guagua Teatro estreará o cartel no 12 de xullo con Cantabaila. Imos de festa co obxectivo de pasar un tempo divertido en familia a través de animación con base musical e teatral.

A seguir, no día 14, Fran Boza achegará o seu espectáculo de gran calidade técnica baseado nos malabares e no circo clásico chamado Malabarabilidades.

No día 19 será a quenda de A bailar!, da man de Animar-t Teatro, que ofrecerá unha animación interactiva na que predominarán os xogos, bailes, cancións, maxia e moitas sorpresas.

Proxectarase A galiña Turuleca, no día 21; un filme protagonizado por unha ave singular, cuxo aspecto é obxecto de burlas do resto do galiñeiro ata que a cambian a unha granxa e descubre o seu talento oculto.

Así mesmo, no día 26, Fran Rei presentarase como Superheroe para salva-la humanidade de terribles amezas sen esquece-la importancia da conciliación, polo que, loitará contra o mal ao tempo que se encarga de prepara-las merendas, poñer a lavadora ou cambiar cueiros.

Tocará volver a gozar do cine no día 28 con Padre no hay más que uno 2. La llegada de la suegra, na que un dos personaxes principais parece ter todo baixo control ata que lle revelan a noticia inesperada da chegada dun novo bebé e a aparición da sogra.

Xa no mes de agosto, a función O estraño caso do dentista da rúa Brasov desprazarase polo centro da localidade no día 2 para dar a coñecer, con maxia e clown, a peculiar historia dun odontólogo de Europa do leste que percorre co seu carromato pobos e cidades buscando clientes para a súa singular consulta ambulante.

No día 4, A eira do Paporrubio trasladará ao municipio un espectáculo-taller con xogos de toda clase e monicreques que incitan a converter ás persoas asistentes en fabuladoras, en creadoras.

Na xornada seguinte, día 5, o Mago Richard interpretará unha serie de efectos máxicos extraídos do seu repertorio dos últimos 30 anos que sorprenderán ao público de tódalas idades.

A música soará no día 11 con Astronauta sideral, de Uxía Lambona e a Banda Molona, composto por numerosos temas para cantar e bailar ao ritmo de diferentes estilos, recuperando así a música tradicional galega e actualizándoa para os nenos e nenas.

Posteriormente, Sarao Produccións & Animacións transitará pola vila no día 12 coa súa exhibición Thea, deusa da luz, que se inspira nesta divindade da mitoloxía grega que era a titánide da visión e quen outorgaba de brillo ao ouro e ás pedras preciosas.

O baile correrá a cargo de El tomaSON, no día 14, ao abeiro da demostración A Pobra baila!.

Barafunda levará, no día 16, a Festa tribal a diversos espazos con melodías africanas, creando un ambiente colorido e divertido.

E, por último, no día 18 o ilusionismo volverá ao concello con Hocus Pocus, do mago Paco. A súa maxia caracterízase pola posta en escena de elementos visuais moi rechamantes que provocan unha dinámica constante.