Friday 22 de November de 2024

O Castelo de San Antón acolle a presentación do libro ‘Periplo al Maluco’, en homenaxe ás expedicións da Casa de Contratación da Especiaría


A sala de exposicións do Pazo Municipal de María Pita exhibe, ata este domingo, día 10, a mostra ‘El viaje a la especiería de Magallanes y Elcano’

O Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón acolleu esta tarde o acto de presentación do libro ‘Periplo al Maluco: La Casa de Contratación de Especiería. A Coruña 1522-1529’, unha obra escrita por Santiago Juega Puig que rende homenaxe ás viaxes comerciais de expedición que, no contexto do século XVI, tiveron no porto da Coruña o seu punto de saída, rumbo ao Océano Pacífico e á conquista das
aprezadas especias das illas Molucas.

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, puxo en valor o traballo de Juega Puig para a recompilación de efemérides e viaxes nas que se basea a publicación, “traballo que se iniciou hai máis de vinte anos e que, a bo seguro, enriquecerán a memoria da nosa cidade, botando luz sobre feitos fundamentais para a historia da Coruña, e de trascendencia mundial”.

Neste sentido, Celemín sinalou que a obra “fai fincapé na idiosincrasia das persoas do mar, e as súas heroicas xestas, que chegaron ata os nosos tempos” e recordou “que acontecementos tan significativos como as viaxes transoceánicas son moi significativos para A Coruña polo seu ADN, indudablemente marítimo e portuario”.

A exposición sobre a primeira volta ao mundo, en María Pita ata este domingo
A sala de exposicións do Pazo Municipal de María Pita acolle, desde este mércores e ata este domingo, día 10, a mostra ‘El viaje a la especiería de Magallanes y Elcano’, con motivo da celebración do quinto centenario da primeira circunnavegación. A exposición, que coincide coa estancia do buque-escola Juan Sebastián de Elcano na cidade, achega a historia da travesía de Magallanes e Elcano, unha ruta que terá a súa rúbrica o vindeiro ano 2023 na celebración dos Tall Ships Races Magallanes-Elcano, regresando á Coruña na súa volta á Península Ibérica.