Saturday 16 de November de 2024

A Coruña acolle este venres unha nova edición da Friday Mobility Night, cun percorrido especial de María Pita a Novo Mesoiro


O obxectivo desta actividade é promover métodos de transporte alternativos e sostibles

A Friday Mobility Night, que conta coa colaboración do Concello da Coruña, celebrará unha nova edición este venres 8 de xullo a partir das 21.30 horas. Este evento, organizado por Galicia Rollers, partirá da praza de María Pita, como é habitual.

Nesta ocasión, o lugar de destino será o barrio de Novo Mesoiro. O percorrido atravesará o Ensanche, Catro Camiños, Elviña, Monelos, Pocomaco e Feáns, antes de chegar ao final do percorrido. En total, serán uns 18 quilómetros que transcorrerán principalmente por carril bici e carril 30. Será a primeira vez que este evento, dun grande éxito de participación, chegue a Novo Mesoiro.

A ruta poderase facer en bicicleta, patíns, patinetes, monopatíns e todo tipo de vehículos de mobilidade persoal. Trátase dunha actividade lúdico-festiva na que as persoas participantes poderán gozar da súa cidade nestes medios de transporte sostibles ao son da música e cun gran ambiente. O percorrido escollida para esta edición é un pouco máis complicado do habitual, como indican os organizadores, xa que hai máis pendentes. Sen embargo, o obxectivo de Galicia Rollers con esta iniciativa é chegar a todos os barrios da cidade.

Esta actividade está integrada no plan Coruña Cidade 30, da concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestrutura e Mobilidade. O seu obxectivo é promover o uso dos patíns e outros vehículos alternativos como vía de mobilidade sostible. Para garantir a seguridade das persoas participantes durante o percorrido, efectivos da Policía Local e Protección Civil traballarán en conxunto cun grupo de voluntarios, os stoppers, para guiar a marcha.