– O delegado da Xunta visitou o polígono industrial de Muros no que a Xunta aportará 56.000 euros para levar a cabo a construción dun colector de saneamento que conecte as augas do parque empresarial coa rede municipal de Muros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Muros, María Inés Monteagudo, visitaron esta mañá o polígono de Ventín en Serres de Muros no que se investirán máis de 70.000 euros, cun apoio da Xunta de máis de 56.000 euros, para levar a cabo a construción dun colector de saneamento que conecte as augas procedentes do parque empresarial coa rede municipal de Muros
Durante a visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca do Barbanza cun investimento de máis de 217.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas o que favorecerá un investimento total nesta área de máis de 270.000 euros en colaboración cos concellos.
Trenor destacou que a través destes apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais da Muros, en Ventín-Serres para a mellora das súas infraestruturas de saneamento cun investimento total de 70.000 euros, no parque empresarial de Espiñeira en Boiro se investirán máis de 80.000 euros para acondicionar unha zona de descanso e de aparcamento e no polígono industrial de Xaras en Ribeira investiranse 120.000 euros na mellora das instalacións de pretratamento das augas residuais.
Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25% da axuda concedida.
Con esta orde de axudas, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.