É organizado polo Concello coa colaboración da Consellería de Política Social.
O Concello abre o prazo de inscrición nun novidoso programa de voluntariado sénior ‘Axúdoche’ que se vai organizar por primeira vez na Laracha coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Vai dirixido a persoas maiores de 55 anos de idade, ás que se lles ofrece a posibilidade de colaborar como voluntarios en diversas iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Entre ditas actividades están o acompañamento social e emocional, cooperación en trámites da vida diaria, respiro familiar, etc.
O proxecto encerra un gran potencial en materia de axuda mutua, xa que posibilitará lograr unha maior implicación e integración na comunidade dos voluntarios.
As persoas interesadas deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais situado no edificio administrativo da Laracha con data límite o 22 de xullo. Os voluntarios percibirán unha axuda que cubrirá os custos do desprazamento e a manutención, e estarán cubertos polos pertinentes seguros.
Este programa pretende o triplo obxectivo de potenciar o voluntariado sénior na Laracha despois das moitas iniciativas realizadas nos últimos anos para o voluntariado xuvenil, contribuír ao envellecemento activo e aproveitar o coñecemento e a experiencia das persoas maiores para a realización de actividades de interese social.