Friday 22 de November de 2024

47 Xadrecistas de diferentes puntos da xeografía galega e española víronse as caras no II Torneo Concello de Camariñas


· O gañador na categoría absoluta foi Fernando Chao do Club Smyslov de Sada

· O campionato, que era a primeira proba do VI Circuito Intercomarcal de Xadrez Deputación da Coruña, repartiu 1000 euros en premios

Ven de disputarse a segunda edición do Torneo Concello de Camariñas, un torneo de xadrez clásico a 5 rondas con partidas de 90 minutos + 30 segundos, que computa para a ELO FIDE e repartiu 1000 euros en premios máis os trofeos entre os participantes. O torneo era, ademais, a primeira proba do VI Circuito Intercomarcal de Xadrez Deputación da Coruña neste 2022.

Este campionato serviu tamén como colofón ao campamento de verán do Club Xadrez Arteixo, que contou coa colaboración co Xadrez Náutico de Camariñas, e contou coa participación de 21 nenos e nenas.

O torneo, que se celebrou entre o 1 e o 3 de xullo, contou con 47 xadrecistas chegados desde distintos lugares da xeografía galega, e incluso española. Houbo participantes chegados de sitios como Lugo, Ourense, Malpica, Viveiro ou mesmo Viscaia.

Resultou gañador Fernando Chao do Club Smyslov de Sada, que gañou as súas 5 partidas, destacando a última ante Alejandro Cereijo.

Quedou segundo, por mellor desempate, Santiago Mougan do Lucena de Vigo, terceiro Jose Fernández do Sigrás, cuarto Breixo Longueira da EX Compostela e quinto David Cernadas do Marquiño; todos con 4 puntos.

Nas categorías inferiores o primeiro posto sub-16 foi para Mateo Pena de Mos, o primeiro posto sub-14 foi para Ibai Garigorta de Sestao, o primeiro posto sub-12 Daniel Méndez de Arteixo, o primeiro posto sub-10 foi para Unai Casares de Ames, e o primeiro posto sub-8 foi para Denys Demidov do Smyslov.
Os mellores clasificados locais foron: primeiro Antón Vigo, segundo Alberto Luaces e terceiro Aitor Carril.

A vindeira proba do circuito terá lugar o 31 de xullo en Cerceda.

A alcaldesa, Sandra Insua, quixo subliñar “o éxito de participación no torneo, con case 50 xadrecistas” e quixo engadir que “desde o Concello de Camariñas apostamos decididamente pola práctica deste deporte no noso municipio”.

Por último, tanto a rexedora como o concelleiro de deportes, Fabián Canosa, quixeron felicitar a todos os participantes polo seu desempeño no campionato.