O Concello de Touro, un ano máis, aposta pola educación en valores igualitarios. As actividades do tempo de lecer, centradas no Verán Lúdico, son un bo escenario para que nenos e nenas aprendan xogando e en diferentes actividades os valores da igualdade. Esta semana os máis pequenos participaron na programación de conciliación para o verán do Concello de Touro, na actividade Sempiterna Palabra, onde nenos e nenas, arredor de sesenta, tiveron que buscar ás letras vencelladas á igualdade. Xogaron con elas e descubriron a importancia de traballar en equipo e colaborar. Logo levaron para as súas casas unha pulseira coa palabra que máis lles gustou. Esta actividade sobre a igualdade, organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Touro, tiña como obxectivo identificar diferentes aspectos e relevantes á hora de falar de igualdade, e falar tamén de valores cívicos imprescindibles para conseguir unha igualdade real.