Turismo de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, celebraron hoxe a xornada “O turismo. Claves para a súa sustentabilidade”
Co obxectivo de contribuír a difundir e impulsar as boas prácticas en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), Turismo de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, celebraron hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías, en Santiago de Compostela, a xornada “O turismo. Claves para a súa sostenibilidade”.
O evento serviu como lugar de encontro para coñecer as prácticas en materia de responsabilidade social empresarial que se levan a cabo no sector turístico, tanto en Galicia coma nas outras rexións pertencentes á Rede Transrexional de Impulso da RSE (REDE): Navarra, Estremadura, Tenerife e Vale do Minho.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Traballo, Carmen Bouso, foron as encargadas de inaugurar o foro, que comezou coa conferencia “As claves da sustentabilidade nunha peme do sector turismo”, a cargo de Elena del Pilar Ramallo Miñán.
A continuación, Francisco González, presidente do Clúster Turismo de Galicia, presentou as iniciativas de RSE levadas a cabo na Comunidade galega no sector.
Ademais, a xornada incluíu un foro de boas prácticas onde se achegaron as experiencias empresariais de RSE das outras rexións socias da REDE.
Así mesmo, o acto incluíu a presentación da guía de RSE do sector turismo, a sexta guía sectorial publicada pola Xunta de Galicia, que ten por obxectivo facilitar o camiño ás pemes á hora de iniciar ou continuar o seu camiño na RSE, a través dos recursos e ferramentas necesarias.
Durante a inauguración, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que, na actualidade, todas as políticas turísticas que se levan a cabo dende a Xunta de Galicia están asociadas á sustentabilidade en todas as súas vertentes. “Tanto a planificación do destino galego como a creación de produtos, a súa xestión e a promoción dos mesmos se basean neste modelo sostible que se combina con outros elementos esenciais como son a calidade ou a innovación”, afirmou.
Neste senso, Nava Castro sinalou que un dos retos de Turismo de Galicia recollido no seu Plan Integral é converter a nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sostible. Nesta liña, a responsable de Turismo de Xunta resaltou diversas actuacións que se están levando a cabo para o desenvolvemento do turismo sostible, como a creación de diferentes produtos acordes co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental; a creación do proxecto Galicia turismo accesible; a implantación da Carta Europea de Turismo Sostible nos espazos naturais protexidos de Galicia ou o desenvolvemento de produtos especializados para segmentos de público sensibilizados co medio ambiente, entre outras.
Así mesmo, Nava Castro incidiu en que para acadar un desenvolvemento turístico pleno na nosa comunidade é necesario que todos os axentes interrelacionados traballen nesta mesma dirección. “É fundamental que as empresas do sector turístico desenvolvan un modelo de protección de recursos, cun uso racional dos recursos produtivos vinculados ao negocio, e traballen para acadar un compromiso de responsabilidade empresarial no ámbito social, ambiental e económico”, concluíu.
Pola súa parte, a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, indicou que o departamento autonómico está a liderar a rede transrexional do impulso á RSE, un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo orientado a difundir a Responsabilidade Social Empresarial como iniciativa pública de fomento da participación e interrelación das empresas coa finalidade de acadar un punto de encontro, novas metodoloxías de traballo e experiencias.
Carmen Bouso sinalou que, no marco desta iniciativa, a xornada de hoxe pretende motivar ás empresas do sector turístico para que afonden na RSE, aportar coñecementos e recursos prácticos na materia, poñer en valor o compromiso e esforzo das pemes que apostaron pola RSE, aumentar a visibilidade de experiencias neste eido, e propiciar un marco para o intercambio de iniciativas.
Así mesmo, a directora xeral de Traballo e Economía Social lembrou a convocatoria dos premios RSE Galicia, para os que se poden presentar candidaturas ata o próximo 14 de setembro, e que conta con catro modalidades: ambiental, económica, conciliación laboral e familiar, e de promoción da igualdade de xénero.