Leisure Activities in English será impartida por Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, do programa de voluntariado europeo
A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presentaron o programa Leisure Activities in English, que será impartido polas voluntarias turcas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas. Trátase dun programa gratuíto de actividades educativas e de ocio impartidas unicamente en inglés e que terá lugar nos meses de xullo e agosto.
Ezgi e Ülkü, que forman parte do programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps, colaborarán co Concello de Lousame na posta en marcha desta proposta e serán dúas das encargadas de fomentar o uso do inglés durante as actividades. O programa inclúe pintura, karaoke, música, xogos, cine, creatividade, teatro, conversas e moito máis, todo en lingua inglesa.
Este conxunto de actividades desenvolverase en dúas quendas dirixidas a diferentes franxas de idade: do 19 ao 22 de xullo para a rapazada maior de 10 anos e os días 2, 3, 4 e 5 e 8, 9, 10, 11 e 12 de agosto para a cativada de 5 a 10 anos de idade. Cada quenda dispón de 25 prazas. As clases terán lugar no local social do Sanguiñal, na parroquia de Tállara. A reserva de praza realizarase a través da páxina web www.bandoticket.com.