Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia o Congreso “Mundos Digitales” para impulsar o sector da animación e situar Galicia comoreferente nacreación de contidos para os novos media


— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou hoxe na presentación deste encontro especializado profesional, que celebra a súa vixésima edición na Coruña entre o 7 e o 9 de xullo

— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades instalará por vez primeira un expositor no evento para informar das medidas de apoio que se están a brindar ao ámbito dos videoxogos a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural

O congreso internacional Mundos Digitales reunirá na Coruña entre o 7 e o 9 de xullo máis de 1200 profesionais do sector da animación, da comunicación audiovisual e dos contidos dixitais. A Xunta de Galicia apoia economicamente a organización da que será a vixésima edición deste evento sectorial de carácter global e participará activamente nel ao manter un expositor de información continuada. Neste stand difundiranse as medidas de impulso para o ámbito dos videoxogos e da creación de contidos dentro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, posto en marcha polo Goberno galego en 2021 co financiamento dos fondos Feder da Unión Europea a través do programa REACT.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación deste congreso internacional xunto ao director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, na que subliñou que apoiar Mundos Digitales, a maior feira de emprego deste sector e o máis potente congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media, coincide co obxectivo da Xunta de contribuír á vertebración e ao impulso do sector en Galicia”.

A colaboración con Mundos Digitales entronca coa decidida aposta por situar Galicia como referente na xeración de contidos a nivel global e fomentar tanto o emprego no ámbito dixital coma a competitividade tecnolóxica das empresas do noso sector. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que a través do xa citado Hub, a Xunta lanzou un completo programa de apoio ás industrias culturais dotado con 9,6 millóns de euros para o período 2021-2023.

Dentro deste plan, que procura a recuperación económica do sector cultural e a estabilidade dos profesionais que traballan nel, inclúense a posta en marcha dun polo de aceleración para os videoxogos, liñas de axuda para o desenvolvemento de proxectos ou a realización dun mapeo para coñecer, en palabras do director, “a foto fixa do sector” e obter datos concretos sobre empresas en activo, persoal, infraestrutura ou financiamento.

Galardóns e feira de emprego
Mundos Digitales desenvolverá no Palexco da Coruña a partir de mañá un amplo programa de actividades que abranguerá presentacións, obradoiros, conferencias, masterclass impartidas por profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional. Nun dos paneis participará como relatora a coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais, Dolores Meijomín. Ademais, ofreceranse proxeccións de diversas fitas innovadoras desde o punto de vista dos efectos visuais e celebrarase o Festival Internacional de Animación, certame de curtas non comerciais ao que concorren oito producións finalistas para acadar os premios de mellor curta e mellor curta nacional.

Non serán os únicos galardóns que se entreguen no marco do congreso, xa que o cineasta e especialista de efectos visuais Paul Franklin recibirá o Premio Especial Mundos Digitales 2022. Este artista británico gañou dous premios Oscar polo seu traballo nas películas Origen e Interstellar, ambas as dúas dirixidas por Christopher Nolan, e ten traballado en multitude de grandes superproducións cinematográficas.

A Feira de Emprego, considerada a segunda en relevancia a nivel europeo, será outro dos grandes alicientes desta vixésima edición. Empresas e profesionais terán un punto de encontro para entrar en contacto, manter entrevistas e celebrar xuntanzas de traballo co duplo obxectivo de crear novas oportunidades laborais e de facilitar a captación de talento. Unha vintena de empresas, tanto estatais coma internacionais, participarán neste espazo de sinerxías que ofrece Mundos Digitales.