Saturday 16 de November de 2024

O Concello rematará as naves do Metrosidero cun investimento de 600.000 euros


O executivo de Inés Rey destina 600.000 euros aos traballos pendentes para que as instalacións entren en funcionamento, incluíndo un punto de información xuvenil e un espazo para o servizo municipal de Xuventude

A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe, ademais, a concesión de licenza para edificar no ‘esqueleto’ de formigón de Vioño, así como a aprobación do proxecto de urbanización dun soar privado en Antonio Ríos

O Concello inicia os trámites de expropiación para acondicionar o Camiño do Cura, no barrio dos Rosales

O Goberno municipal aprobou esta mañá, en Xunta de Goberno Local, a licitación das obras para o acondicionamento das naves do Metrosidero, un equipamento municipal para uso da mocidade. O executivo de Inés Rey destinará 600.369 euros ás obras pendentes para que as instalacións poidan entran en servizo, incluíndo un punto de información xuvenil, así como un espazo para o servizo municipal de Xuventude.

As naves do Metrosidero contarán con áreas de traballo para que as mozas e mozos poidan reunirse, ademais de instalacións deportivas destinadas á práctica de escalada, parkour e skate, todas elas a cuberto e no interior das naves, onde tamén se habilitarán espazos de uso polivalente e destinados ás artes escénicas.

Ademais, cos fondos destinados a estas obras, que terán unha duración de 19 semanas, acondicionarase tamén o espazo exterior lindeiro ás naves, facendo que o conxunto das edificacións sexa accesible á cidadanía.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou o compromiso do Goberno municipal para impulsar medidas de apoio á xuventude durante o vixente mandato: “As naves do Metrosidero convertiranse neste mandato nunha referencia da cidade para as mozas e mozos, ao igual que o Novo Remanso, que abriu as súas portas a comezos de abril”.

O ‘esqueleto’ de formigón do parque de Vioño
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licenza para a construción dun edificio de 34 vivendas no ‘esqueleto’ de formigón existente no parque de Vioño, xunto a rolda de Outeiro.

Así, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha problemática arrastrada desde o ano 2015, cando se notificou a caducidade da anterior licenza concedida. O proxecto presentado pola promotora para rematar a estrutura inacabada contempla que o edificio conste de tres sotos, planta baixa, oito andares e un baixo, así como 51 prazas de aparcadoiro.

Os traballos contan cun orzamento superior aos tres millóns de euros e terán un prazo de execución de trinta meses a partir do día seguinte da notificación de licenza.

Inés Rey subliñou, ademais, os avances levados a cabo polo Goberno municipal para regularizar a situación dos ‘esqueletos’ de formigón na cidade: “Os da rolda de Monte Alto; a rúa Cancela de Fóra, preto do parque de Santa Margarida; o da rolda de Nelle; e, agora, o do parque de Vioño, xa teñen licenza para unha segunda vida. Ademais, en xuño, e tamén en Xunta de Goberno Local, aprobouse o estudo de detalle para a ordenación do esqueleto do soar existente no número 50 da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales, un trámite necesario e previo á concesión de licenza que permitirá rematar a edificación deste esqueleto, o derradeiro existente no distrito”.

Proceso de urbanización do soar na confluencia de Antonio Ríos e A Cerca
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de urbanización do soar no que lindan as rúas Antonio Ríos, A Cerca e a travesa da Cerca, “unha demanda das veciñas e veciños do barrio do Castrillón”, sinalou Inés Rey, “que hoxe está un paso máis preto de cumprirse e que permitirá un correcto mantemento dos soares que alí localizados”.

A urbanización de dita parcela permitirá crear unha praza, a instalación de beirarrúas e o embelecemento da contorna con novo mobiliario urbano e zonas axardinadas.

O proxecto de urbanización deste ámbito presentouse o pasado día 28 de xuño e, tras a súa aprobación, será sometido a información pública durante o prazo dun mes.

O Camiño do Cura
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao inicio dos trámites de expropiación do Camiño do Cura, un trazado de terra localizado na contorna do campo de fútbol do colexio Calasanz, no barrio dos Rosales, e que axudará a conectar as rúas de Simón Bolívar e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que grazas a esta expropiación, que se levará a cabo de mutuo acordo coa entidade Escuelas Pías de España, “o Goberno municipal acondicionará unha zona de paso peonil, mellorando a mobilidade e garantindo ás veciñas e veciños, ademais, un acceso máis cómodo e seguro ao complexo parroquial de Nosa Señora dos Rosales, lindeiro co camiño”.

O importe desta expropiación é de algo máis de 72.587,45 euros. Actuarase sobre unha superficie total de 2.400 metros cadrados, na que o Goberno municipal tamén mellorará a iluminación e acometerá o mantemento das áreas verdes existentes cos coidados axeitados.

A concesión de licenzas entre os días 17 e 30 de xuño
Este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 17 e 30 de xuño, con 195 expedientes notificados, dos que 34 foron licenzas urbanísticas e 117 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas, destacan as que permitirán o derrubamento dos silos do parque de almacenamento de graneis líquidos no peirao de Calvo Sotelo, no Porto da Coruña; así como a que habilitará ao colexio San José de Calasanz á rehabilitación da cuberta do edificio.