· ‘City of Agra, 125 anos na memoria’ celebrarase o 8, 9 e 10 de xullo en Camelle e Arou.
· Todos os días do evento, ademais da programación deseñada, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares de Camelle e Arou.
O Concello de Camariñas acollerá esta fin de semana, do 8 ao 10 de xullo, o evento ‘City of Agra, 125 anos na memoria’, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá en Camelle e Arou polos 125 anos da catástrofe do buque inglés.
A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares.
A programación arrincará o venres, 8 de xullo, coa apertura da exposición ‘City of Agra, 125 anos na memoria’. Ao longo das tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, pasarrúas… O domingo, 10 de xullo, día da clausura, ás 12:30 horas farase un homenaxe aos náufragos da Costa da Morte e ás 12:50 horas unha recepción de autoridades aos náufragos do City of Agra e entrega de medallas.