Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña e o Concello de Moeche asinan un convenio de 244.691 euros para dotar o municipio de abastecemento de auga propio


A nova infraestrutura, cuantificada en preto de 306.000 euros, rematará coa dependencia de Moeche do abastecemento das Somozas e tamén permitirá rebaixar custes do servizo

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, rubricaron hai escasos días un convenio en favor do Concello por valor de 244.691 euros destinados á construción de dous puntos de captación e tratamento de auga potable que eviten depender do abastecemento das Somozas -ademais de aforrar os “elevadísimos custes” que implica- e ampliar o servizo a máis lugares do territorio. A rexedora destaca a trascendencia do acordo, avanzando que unha vez se leve a cabo o proxecto, orzamentado en cerca de 306.000 euros, este será “unha das actuacións, por non dicir a que máis, cunha maior repercusión e retorno social para a veciñanza do noso concello en termos económicos e de fiabilidade do servizo”. A Administración local agarda poder licitar as obras en breve, que se executarán en dúas propiedades municipais situadas en Santa Cruz.

O convenio e a próxima licitación dos traballos serán dous dos últimos pasos dun camiño que se iniciou hai xa tres anos e que, de feito, fora un dos compromisos de mandato do actual equipo de Goberno.

Daquela Beatriz Bascoy alcanzou un acordo con Augas de Galicia para que este organismo buscase auga en suficiente cantidade e calidade para abastecer o municipio, que ata hoxe depende da rede das Somozas. O plan de sondaxes efectuadas, no que se investiron 18.000 euros, deu con dúas parcelas que cumprían ambos requisitos, unha que xa era propiedade municipal e outra mercada en 2021 polo Concello cun investimento de 3.000 euros.

En paralelo, nos últimos anos o consistorio seguiu ampliando a rede de abastecemento a lugares como Vilapedre, A Graña, A Bouza, Beleiriz, Casalousada e Portogonzalbo, entre outros, e subministrando a zona do Loureiro, Casatellada e os Acivros desde unha condución de Cerdido, aínda que cunhas condicións “xustas entre os dous concellos” moi distintas ás acordadas no seu día coas Somozas.

E é que, segundo Beatriz Bascoy, o convenio asinado no pasado coa Administración somocense está supoñendo “custes elevadísimos” para o Concello e a veciñanza, e máis aínda co incremento do prezo da enerxía. “Neste momento estamos pagando o metro cúbico de auga a 0,60 euros, e a maiores temos que pagar tamén o bombeo, o que vén supoñendo a finais de ano uns 55.000 euros por un ben básico que, neste caso, entendemos que debería cubrirse só cos custes de bombeo e de mantemento. Ademais aquel acordo suscrito pos alcaldes daquel momento estipula que a veciñanza de Moeche non pode ter un prezo máis baixo que o que se lle aboa ás Somozas por metro cúbico. Somos o Concello galego que máis cara paga a auga”, asegura Bascoy.

Dáse a circunstancia, ademais, de que a rede modestina non estaba suficientemente calculada para soportar nalgúns puntos a presión proveniente das Somozas, de modo que aínda hoxe as roturas e avarías “que debemos asumir nós” seguen sendo recorrentes, aínda que os investimentos dos últimos anos efectuados polo Concello -na súa maioría con fondos POS- “foron reducíndoas”. “É paradóxico -prosegue a alcaldesa- que haxa zonas ás que lles pasan as canalizacións por diante da porta e que, porén, non poidan conectarse a elas porque non se construise o retorno hidráulico desde o depósito municipal”.

Estas razóns foron as que fixeron que o Executivo local se marcase como prioridade atopar auga e contar con captacións propias que permitan rematar coa dependencia do municipio veciño. O proxecto deseñado polo Concello de Moeche ascende a 305.863,76 €, unha cifra “imposible de asumir só con fondos municipais”, aclara a alcaldesa, quen destaca a boa acollida que tivo a iniciativa por parte da Deputación da Coruña.

O ente provincial achegará 244.691 euros por medio dun convenio asinado o pasado venres, mentres que os algo máis de 60.000 euros restantes serán sufragados polo Concello, quen tamén chamou sen éxito ás portas da Consellaría de Infraestruturas. “En marzo falamos coa conselleira Ethel Vázquez para ver se a Xunta podía asumir esa parte económica que necesitabamos. Explicámoslle que contabamos con apoio provincial e que polo tanto só precisabamos que asumisen 60.000 euros. Pero non houbo maneira”.

Unha vez obtido o respaldo económico, o Concello agarda poder licitar as obras “nos prazos que permita a normativa”. As novas infraestruturas de captación e impulsión non só permitirán mellorar a calidade da rede existente, senón que tamén facilitarán que a auga chegue proximamente ao Retorno, Soomonte e Amosa e, despois, á Senra, Vilazanche, o Tellado e outros lugares.

Por outra banda, contar con abastecemento propio tamén será fundamental para abaratar custes do servizo “e para trasladarlles a rebaixa ás persoas usuarias” recalca Beatriz Bascoy. A alcaldesa de Moeche sinalou, por último, que a construción das captacións e do equipamento de impulsión da auga en Moeche “é unha das actuacións, por non dicir a que máis, cunha maior trascendencia e retorno social para a veciñanza do noso concello en termos económicos e de fiabilidade do servizo”.