Saturday 16 de November de 2024

O Concello promove a tradución ao galego das ‘Memorias 1841-1843’ de Juana de Vega, presentadas hoxe na Casa Museo Casares Quiroga


A publicación, editada pola Fundación Luzes en colaboración coa Fundación Juana de Vega, achégase á estadía da condesa de Espoz e Mina na Corte, como aia e camareira maior da raíña nena Isabel II e a súa irmá, Luisa Fernanda

A alcaldesa, Inés Rey, sobre a publicación: “Recolle un período clave na vida dunha muller adiantada ao seu tempo, achegándoo á cidadanía”

A biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga acolleu na tarde de hoxe o acto de presentación das ‘Memorias 1841-1843’ de Juana de Vega, traducidas ao galego, e editadas pola Fundación Luzes en colaboración co Concello da Coruña e a Fundación Juana de Vega no contexto do 150º aniversario polo pasamento de Juana de Vega.

A publicación contén textos escritos pola condesa de Espoz e Mina durante a súa estadía como aia e camareira maior na Corte da raíña nena Isabel II e a súa irmá, Luisa Fernanda, no contexto dun clima político convulso, con fortes tensións entre os partidarios da monarquía constitucional e os que defendían a continuidade das ideas absolutistas herdadas de Fernando VII.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o traballo executado pola Fundación Luzes, “que hoxe ve a luz para recoller un período clave na vida dunha muller adiantada ao seu tempo, achegándoo á cidadanía”. A rexedora recordou a figura de Juana de Vega por ser “unha referencia para a sociedade coruñesa da época, polas súas conviccións progresistas e porque amosou personalidade e carácter nun contexto social difícil”.