Iniciado xullo, os concellos integrados no proxecto de xeoparque intensifican a programación de xeorrutas con seis saídas que se desenvolverán este mércores e máis o sábado e o domingo. A primeira é a das Praias das areas negras que baixa até Teixidelo, en Cedeira, para sorprenderse coa extraordinaria aparencia do areal, único no mundo, e cos fenómenos xeolóxicos que o orixinaron. Porén, o groso do programa concentrarase na fin de semana. O sábado de mañá achegarémonos aos cantís de Cariño na Xeorruta do Limo e pola tarde subiremos na Xeorruta do Cromo desde preto de Santo André até o miradoiro de Garita de Herbeira. A ruta matutina do domingo -a Xeorruta dos Penidos- levaranos en Ortigueira ao lugar de interese xeolóxico de relevancia internacional (Geosite) situado na marxe sur da Serra da Capelada, previo paso polo Pozo do Inferno e a Fervenza do Casón. A oferta de percorridos complétase de novo en Cedeira cun itinerario de baixa intensidade -a Xeorruta do Litoral- relativamente preto da vila.
Mércores 6 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). 15 prazas. Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento do areal de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan da zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes.
Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla que leva o mesmo nome, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val que presenta todas as características dunha orixe glaciar.
Trátase dun percorrido de dificultade alta que require bo estado de forma e roupa e calzado adecuados. Tamén é altamente recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro). Máis info e reservas aquí.
Sábado 9 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes.
Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.
Sábado 9 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). 20 plazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo -preto de onde se encontra o monumento a Leslie Howard- iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita.
No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.
Domingo 10 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Penidos (Concello de Ortigueira) As ecloxitas son un tipo de rochas orixinadas a máis de 100 quilómetros de profundidade que aquí, na no Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, poden verse en superficie. A zona norte da Capelada leva décadas sendo obxecto de investigacións por este motivo.
Porén, na banda sur, na zona de Couce do Penido -relativamente preto do límite con Cerdido e Cedeira-, tamén se observan numerosos exemplos destes materiais, razón pola que o IGME a catalogou recentemente como Geosite, ou o que é o mesmo, como lugar de interese xeolóxico cunha relevancia internacional.
A visita non chegará tan abaixo no mapa, senón que discorrerá máis ao norte, preto do rego do Casón, que nos ofrece o espectáculo xeolóxico da fervenza e do Pozo do Inferno, xunto cos vestixos do castelo que dominaba desde o alto a ribeira oeste da ría de Ortigueira. Máis info e reservas aquí.
Domingo 10 de xullo, 16:30 a 19:30h.: Xeorruta do Litoral (Concello de Cedeira). A oferta de xeorrutas desta semana remata en Cedeira o domingo pola tarde ofrecéndonos un itinerario de tres horas e moi doado de facer.
Trátase dunha andaina de 8 quilómetros que se fai sen moito esforzo nunhas tres horas (cómpre ter costume de camiñar). Sáese da oficina de turismo, visítase a praia da Magdalena e prosegue pola contorna do porto de Cedeira e parte da marxe leste da boca da ría. Nese camiño veremos a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial, pero tamén haberá tempo para visitar o xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal. Máis info e reservas aquí.
Recordamos que as reservas nas xeorrutas só poden facerse en liña a través do apartado Xeorrutas desta mesma web, onde se describen con algo máis de detalle os 16 percorridos guiados polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa.
No apartado tamén se recollen as datas e horarios das case 70 saídas que aínda nos quedan por facer até o próximo 14 de setembro. Cómpre reservar con tempo, xa que boa parte dos itinerarios adoitan esgotar as prazas nos días previos.
Xeorrutas marítimas
A semana que vén -central das vacacións de xullo- haberá xeorrutas desde o martes ata o domingo e, ademais, tamén comezan as rutas marítimas entre o peirao vello de Cedeira e os Aguillóns ofrecidas pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Se o tempo o permite sairán o xoves 14 ás 17:00h e o domingo 17 ás 17:30h. En xullo tamén teñen previstos paseos os venres 22 e 29 e o domingo 31.
As viaxes -nas que tamén vai a bordo o xeólogo Fran Canosa- duran arredor de 2,5 horas e teñen un prezo de 50€ por persoa. Para reservar débese contactar directamente coa empresa no 722 615 382