Friday 22 de November de 2024

O Concello afonda na apertura do porto á cidadanía con concertos de Jorge Drexler, James Rhodes, Fernando Costa e Morgan no peirao de Batería


Inés Rey presentou hoxe a segunda edición de “Noites do Porto”, que se realizará en outubro, duplicando os días de programación, cunha maior proxección e presenza internacional

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe nas instalacións da Lonxa a segunda edición do ciclo de concertos “Noites do Porto”, que se realizará no mes de outubro en dous escenarios, o peirao de Batería e a Sala Garufa. No acto estivo presentes tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor.

A alcaldesa da Coruña destacou que tras o éxito da pasada edición, nesta nova entrega ampliarase a proxección do ciclo con artistas de ámbito internacional, duplicando os días de programación e con concertos únicos e exclusivos en Galicia. Durante a presentación desveláronse moitos dos grandes nomes que serán cabeza de cartel do festival, que se realizará entre o 19 e o 26 de outubro. Os concertos do día 19 e do día 26 serán na Sala Garufa, o resto deles, no peirao do Batería. O día 20 actuará Morgan e o 21 e 22 de outubro Fernando Costa e Jorge Dexler ofrecerán tamén un concerto único, xa que non teñen programadas máis actuacións para este ano en Galicia. Para o día 23 está programado o único recital que ofrecerá James Rhodes neste outono en Galicia. Para o día 26 está programado na Sala Garufa o concerto de M. Ward, na que será a súa única actuación en Galicia do ano 2022, e que servirá como clausura do festival. Segundo avanzou o responsable da organización do evento, en datas próximas irase informando sobre o resto de artistas que formarán parte do programa.

A alcaldesa destacou a importancia desta nova iniciativa para avanzar no proceso de apertura á cidadanía do porto da Coruña, co fin de achegalo tanto aos coruñeses e coruñesas como ás persoas que nos visitan. Neste sentido, sinalou que a fachada marítima é un espazo privilexiado para realizar todo tipo de eventos e actividades, que o Goberno municipal seguirá a apoiar, como xa fixo coa exposición de Peter Lindbergh.

“A aposta por abrir a fachada marítima á cidade facémola pensando nos coruñeses e coruñesas pero tamén vai en liña co noso modelo cultural e turístico”, indicou a alcaldesa, que incidiu que tras a recuperación da actividade unha vez superada a crise sanitaria, “estamos ante unha excelente oportunidade para recuperar e mesmo incrementar o noso posicionamento”, xa que “dispoñemos de todo o potencial para consolidármonos como un destino de referencia a nivel europeo, captando visitantes que buscan unha oferta de ocio alternativa e de calidade”. Así, destacou activos como a localización privilexiada da cidade, a paisaxe atlántica, a gastronomía, e a activa vida cultural e a oferta de ocio en numerosos espazos, aos que se suma o portuario”.

Na estratexia de potenciación da oferta cultural o Goberno municipal fixo unha forte aposta polas grandes citas musicais. Entre elas a alcaldesa destacou a programación do Coliseum para este segundo semestre, con artistas da categoría de Rosalía, Joan Manuel Serrat, Simple Minds ou Alejandro Fernández; o Atlantic Pride, que se realiza estes días con grande éxito de participación; o Morriña Fest, que volverá levar a música e os grandes concertos ao estadio de Riazor; o ambicioso programa para o Noroeste Estrella Galicia e as Festas de María Pita, que se presentará en breves datas, así como esta segunda edición das Noites do Porto.

Por tanto, Inés Rey animou a todos os coruñeses e coruñesas a “desfrutar do seu porto e do espectáculo que supón poder vivir grandes concertos fronte ao mar”, ao tempo que convidou “as persoas que nos visitan a coñecer este espazo tan importante e tan noso, un elemento central para comprender e vivir A Coruña”.