O Goberno local leva máis dun ano solicitando a cesión de inmobles dispoñibles na cidade, sen obter resposta positiva ata o de agora
O Concello da Coruña esíxelle á Sareb que poña a disposición municipal vivendas que na actualidade posúe na cidade. O obxectivo do Goberno de Inés Rey é empregar eses inmobles para usos sociais.
O Concello leva máis dun ano solicitándolle á Sareb a cesión de espazos da súa titularidade no termo municipal, e ata agora a resposta que se obtivo desta organización foi negativa. O Goberno municipal insistiu nas súas demandas os días posteriores ao comezo do conflito en Ucraína, co fin de poder atender unha posible demanda de vivendas por parte de persoas refuxiadas. Esa nova petición tamén foi rexeitada.
O principal argumento achegado pola Sareb é a ausencia de vivendas da súa titularidade no termo municipal. Non obstante, desde o Concello púidose comprobar que si que conta este organismo con inmobles na actualidade na cidade. Por iso, o Goberno municipal insiste na súa demanda de colaboración.
O Concello quere empregar esas infraestruturas para dar solucións aos problemas de acceso á vivenda que existen na actualidade na cidade entre diferentes colectivos