Ademais de reunir en Carballo o melloriño da literatura galega actual, a plic! 2022 traerá música, cine e arte para todos os públicos
Do 7 ao 10 de xullo volve a Praza dos Libros, cun potente programa, que acredita o compromiso do Concello de Carballo coa cultura, e cunha imaxe renovada. “Quixemos romper totalmente, xa que houbo un parón grande durante estes anos de pandemia, e esta nova imaxe, do ilustrador carballés Juan Gende, é como un novo renacer”, explicou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación da plic!
Con el estiveron Chano Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz, que volve a colaborar no desenvolvemento da Praza dos Libros, unha representación dos libreiros e das libreiras participantes, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen destacou que a plic! vai máis alá da literatura e convértese nunha feira da creatividade cultural, poñendo en valor outro tipo de manifestacións que permiten “facer ver á xente que a cultura é todo un conxunto e que, para nós, a cultura en Carballo sempre será unha prioridade”.
A plic! é, probablemente, a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo, e na que, polo tanto, os produtos gastronómicos da nosa terra teñen un papel moi destacado. Pero, ademais, o xoves 7, día de mercado e de inauguración co pregón de Xan Fernández Carrera, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda. O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos.
Nesta edición contamos coa participación das librarías Trasgo, Teldy, Ler, Clarión, Á lus do candil, Brañas Verdes e Demo Espiral Maior Foro, que se suma por primeira vez. O seu responsable, Miguel Anxo Fernán Vello, destacou o papel de Carballo “como referente en toda Galiza pola colaboración intensa que se realiza en tantos ámbitos da creación cultural”. Os libreiros e as libreiras agradeceron a iniciativa da Concellaría de Cultura e expresaron a súa satisfacción por volver a sacar a literatura á rúa “despois destes dous anos, que foron duros para o sector cultural”.