Friday 22 de November de 2024

O Programa de Intercambio Xuvenil en Vencia conta coa participación de 11 mozos laracheses


Outros sete forman parte doutra iniciativa similar que se desenvolve en Berlín.

Once mozos laracheses de entre 18 e 30 anos de idade están a participar nun programa de intercambio xuvenil que se desenvolve en Venecia desde o 2 e ata o 9 de xullo, e do que forma parte o Concello da Laracha ao ser convidado pola entidade organizadora, o Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana.

O grupo larachés conta tamén con tres monitoras, sendo unha deles a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

Nos primeiros días da estancia puideron coñecer os puntos máis destacados da propia cidade de Venecia, así como as illas de Murano e Burano. Nas próximas xornadas visitarán outras localidades próximas e realizarán actividades de tipo cultural.
Cabe lembrar que, paralelamente, o Concello tamén está a participar noutro programa de similares características que se leva a cabo en Berlín, neste caso entre os días 27 de xuño e 6 de xullo e coa presenza doutros sete mozos laracheses.

A participación do Concello nestas dúas iniciativas é un dos resultados das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.
O obxectivo final é contribuír á construción da cidadanía europea facilitando á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o Concello da Laracha.