O Pleno acordou hoxe a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do SUP-1 de Romero Donallo nos quinteiros 1 e 2, que supón unha reordenación dos volumes neses dous ámbitos. Tamén se deu luz verde ao Estudo de detalle do quinteiro 6 do mesmo proxecto, así como ao Plan parcial de ordenación do SUND-8 en Monte de Vidán. Durante a sesión de hoxe tamén aprobou, por unanimidade, o V Plan Municipal de Igualdade do Concello.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón e a directora de área do mesmo departamento, deu conta esta mañá na rolda de prensa posterior ao Pleno, da modificación puntual do SUNP-1 aprobada hoxe, que permite a posibilidade de formular, no ámbito dos quinteiros 1 e 2 de Romero Donallo, un Estudo de detalle de reordenación conxunta que analice máis polo miúdo as distintas alternativas e solucións para acadar unha mellor integración dos volumes resultantes nos dous quinteiros, co obxecto de facilitar unha solución conxunta e integrada para ambos os dous quinteiros, dada a súa contigüidade, especial configuración e emprazamento.
A modificación supón a reforma puntual das ordenanzas aplicables aos quinteiros 1 e 2, co seguinte alcance:
1ª. Elimínase a obrigatoriedade de proxecto conxunto nos quinteiros 1 e 6, así como as determinacións máis específicas de deseño e composición dos edificios-torre proxectados naqueles quinteiros.
2ª. Permítese a reordenación de volumes mediante un estudo de detalle que poderá redistribuír a suma das superficies edificables e de ocupación permitidas polo plan parcial no conxunto dos dous quinteiros afectados. Sin embargo, esta modificación non supón un incremento da superficie edificable, nin da ocupación máxima permitida polo plan parcial vixente no conxunto dos quiteiros afectados. Tampouco incrementa a altura máxima permitida en cada quinteiro.
3ª. Homoxeneizase a regulación dos usos autorizables nos quinteiros 1 e 2. A tal fin amplíanse os usos permitidos na planta baixa do quinteiro 1, admitindo todos os sinalados no plan parcial vixente para o quinteiro 2. En todo caso, haberá de terse en conta a regulación xeral de usos establecida no Plan xeral, actualmente en fase de modificación (MP aprobada inicialmente en marzo de 2021).
Nesta mesma liña, esta mañá tamén se deu luz verde ao estudo de detalle do quinteiro 6, pertencente ao mesmo proxecto urbanístico na zona de Romero Donallo.
Plan Parcial de Ordenación do SUND 8 en Monte Vidán
O Pleno municipal tamén aprobou hoxe o documento reformado do Plan parcial de ordenación do SUND-8 (Monte Vidán), cunha edificabilidade máxima de 33 vivendas.
A área SUND-8 está localizada no Monte Vidán. Este plan parcial ten un ámbito de 20.851 metros cadrados, cunha edificabilidade de 0.30 metros cadrados por metro cadrado, o que da un total de 6.255,64 metros cadrados. O 50% será para uso residencial (vivendas unifamiliares) e o outro 50% para uso terciario. Tamén se destina unha reserva de 3.169,74 metros cadrados, dos cales 2.310,20 metros cadrados se destinarían a zonas verdes e o resto a xardíns.Para equipamento público resérvanse 413,91 metros cadrados.
V Plan Municipal de Igualdade
Na sesión do Pleno celebrada esta mañá, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o V Plan de Igualdade municipal por un período de vixencia de tres anos, ata o ano 2025. Os principios que rixen o Plan son a transversalidade das políticas de igualdade, a integración da perspectiva de xénero en todas as nosas actuacións, a sensibilización e participación da poboación, o respecto á diversidade e a practicidade e mellora continúa.
O Plan está estruturado en en seis áreas de intervención, cada unha con cadanseus obxectivos e medidas específicas. As áreas son as seguintes: coeducación e formación con perspectiva de xénero; formación, inserción laboral e conciliación dos tempos laborais, familiares e persoais; apoderamento, participación e asociacionismo; calidade de vida e benestar integral de colectivos específicos; transversalidade de xénero na Administración Local; e sensibilización e erradicación da violencia de xénero.
O proceso de elaboración levouse a cabo a partir do marco normativo vixente; a análise documental de diversos informes, avaliacións e diagnoses; e unha revisión cuantitativa do anterior plan de igualdade que se completou cunha análise sociodemográfica do municipio, para obter unha radiografía sobre a situación da muller nos diversos ámbitos de intervención municipal. De xeito paralelo, tamén se realizaron entrevistas tanto ao persoal de todos os servizos do concello, así como a todas as asociacións veciñais, culturais, os grupos da corporación municipal, e colectivos que en Santiago traballan dun xeito ou doutro para garantir os dereitos das mulleres.