Friday 22 de November de 2024

O Concello promocionará por segundo ano o peixe da Lonxa da Coruña mediante un selo de calidade


Inés Rey asina coa Fundación Fremss o segundo convenio de colaboración do selo distintivo “Peixe da Lonxa da Coruña”

O obxectivo é poñer en valor a trazabilidade do produto da Lonxa da Coruña, pola súas boas prácticas na venda, manipulación e distribución ao comercio local

A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá o segundo convenio de colaboración coa Fundación de Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), para a realización de accións de fortalecemento na divulgación e promoción do selo distintivo “Peixe da Lonxa da Coruña”. Este acordo pon de manifesto o compromiso do Goberno de Inés Rey polo desonvelvemento sostible da axenda urbana 2030, promovendo a dinamización da economía local e cohesión social como motor de crecemento económico.

O selo distintivo foi creado o pasado ano 2021 co obxectivo de destacar as boas prácticas que se desenvolven diariamente na Lonxa da Coruña, en relación á primeira venda, manipulación e posterior distribución do peixe que chega ao corazón da cidade. Deste xeito, o selo distintivo permite que operadores, distribuidores e consumidores identifiquen a trazabilidade e proximidade do produto, contribuíndo ao mantemento dun circuíto económico local.

Este ano 2022, o Concello da Coruña volve asinar un convenio de colaboración coa Fundación FREMSS, pola contía de 40.000, “mantendo a aposta polo coñecemento e concienciación do produto local así como do traballo realizado polos traballadores e traballadoras da Lonxa da Coruña” sinalou a rexedora. Polo momento, xa son 41 distribuidores minoristas, 4 casas exportadoras e 3 casas subastadoras as adheridas ao selo de orixe, así como 11 restaurantes que fixeron a súa solicitude a a través da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña.

Actividades de promoción do selo distintivo “Peixe da Lonxa da Coruña”

O convenio asinado recolle a realización de varias accións para impulsar e difundir o distintivo “Peixe da Lonxa da Coruña” como a promoción a través de medios tradicionais como prensa e radio, así como a través de internet e Redes Sociais tentando chegar ao maior público posible a través das diferentes canles mediáticas. Por outra banda, está previsto a realización dun vídeo de promoción para a campaña 2022, dando a coñecer a importancia do distintivo e o traballo realizado da lonxa, así como a creación de materiais promocionais e didácticos para a súa distribucións nos puntos de venda e comercialización do “Peixe da Lonxa da Coruña” ou nas diferentes presentacións, charlas e conferencias previstas.

Estas accións de promoción serán realizadas íntegramente pola Fundación FREMSS, en colaboración co Concello da Coruña. Ademais, están previstos varios eventos gastronómicos para os que se contará coa colaboración da Asociación Provincial de Empresarios da Hostelería, permitindo coñecer o produto da lonxa dunha forma diferente.