O alcalde agradece a celeridade da Xunta de Galicia á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra que a decisión do Consello da Xunta, que esta semana autorizou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-524, ao seu paso pola parroquia de Abellá (Frades). Esta actuación de fomento da mobilidade sustentable e de mellora da seguridade viaria suporá un investimento da Xunta de preto de 245.000 euros, incluíndo o pagamento da expropiación do predio afectado.
O alcalde de Frades agradeceu a celeridade da Xunta de Galicia á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio. Un tramo coñecido popularmente como “a costa de Abellá”, onde se mellorarán as condicións de seguridade ao favorecer o acceso dos veciños e veciñas a puntos importantes da parroquia como son: o cemiterio de Abellá, a Igrexa, a panadería, o supermercado, o campo de fútbol ou o local social, entre outros. Así mesmo, Rey Martínez lembra que esta actuación “se trata dunha primeira fase, pois dende o Concello temos a intención de conectar o núcleo da Pibideira co do Peñasco nunha segunda fase que acometeremos nos próximos anos”.
Mellora da seguridade
As obras habilitarán un itinerario peonil pola marxe esquerda da estrada AC-524 de 770 metros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590, que permita a conexión entre el núcleo rural de Pibideira e os núcleos do Pazo e Sobre dos Campos, conectando coa senda existente na travesía de Abellá. A sección tipo neste treito da estrada constará de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terrosa e gabia transitable de 1,20 metros.
Nesta intervención, as obras de pavimentación terán en conta os accesos a propiedades privadas, que serán en formigón coloreado con mallazo e de cor terra natural, empregándose nas zonas de cruzamento con outras vías pavimento táctil de cor e textura diferente, indicador de advertencia ou proximidade. Nos pasos de peóns colocarase pavimento táctil direccional.
As obras incluirán a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición daqueles servizos afectados pola intervención, incluíndose a recolocación dos sinais verticais e colocación de captafaros. Tamén se prevé a preinstalación da iluminación pública e mobiliario urbano: catro bancos de madeira de piñeiro e outras catro papeleiras de listóns de madeira e estrutura interior metálica.
Con estas actuacións, a Xunta dá resposta a unha actuación demandada polo Concello, que busca fomentar a mobilidade sustentable nesa contorna, con vivendas situadas nas marxes da estrada, para favorecer os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorar a seguridade viaria dos peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé convocar o levantamento de actas previas no segundo semestre de 2022 e licitar, a continuación, as obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses.