– O delegado da Xunta visitou o polígono industrial da Laracha no que a Xunta aportará 37.000 euros para levar a cabo un proxecto de sinalización horizontal e vertical
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, visitaron esta mañá o polígono da Laracha no que se investirán máis de 46.000 euros, cun apoio da Xunta de máis de 37.000 euros, para levar a cabo un proxecto de sinalización horizontal e vertical.
Durante a visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca da Coruña cun investimento de máis de 290.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas o que favorecerá un investimento total de máis de 429.000 euros. Trenor destacou que a través destes apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais da Laracha con 290.000 euros, en Bértoa-Carballo con dúas actuación de mellora da seguridade e acondicionamento dun aparcamento cun investimento de 235.000 euros cun apoio da Xunta de 371.000 euros e no parque empresarial da Mezquita-A Tella en Ponteceso de mellora dos seus accesos cun custo de máis de 146.000 euros e unha axuda da Xunta de máis de 117.000 euros.
Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25% da axuda concedida.
Con esta orde de axudas, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.