Néstor Rego defende mellorar a atención ao público da entidade postal no concello coruñés a través da prestación de servizos en horario de tarde
A organización nacionalista require cubrir a totalidade de prazas vacantes para asegurar o mantemento do servizo de forma continuada, tamén durante as vacacións, baixas ou permisos do persoal
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas sobre a mellora dos servizos da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos. Neste caso, a organización nacionalista demanda ampliar o horario da oficina do Concello de Ribeira, ampliándoo para prestar servizo durante as tardes, para atender de maneira adecuada as necesidades actuais da veciñanza. Así mesmo, Rego expresa a necesidade de cubrir a totalidade das prazas vacantes de maneira que se asegure un adecuado mantemento dos servizos durante as vacacións ou as baixas do persoal.
“A empresa pública de Correos ten o deber de garantir un servizo público de calidade e accesíbel para toda a poboación: tanto nas zonas urbanas como nas zonas máis rurais” salienta o deputado nacionalista. Baixo esta premisa, Néstor Rego sinala a necesidade estabelecer unha estratexia en prol do mantemento da actividade do Servizo Postal Universal.
Hai uns anos, a sociedade pública de correspondencia acometeu unha modernización nas instalacións de Ribeira, Concello cabeceira da comarca da Barbanza que conta cunha poboación de case 27.000 habitantes. Con todo, a organización nacionalista entende que “é imprescindíbel que se aumente o horario de atención ao público, procedendo á apertura da oficina en horario de tarde para prestar un servizo moderno, eficiente e ampliado”.
“Esta medida, ademais de xerar novos postos de traballo, redundaría en beneficio da veciñanza de Ribeira, facilitaría unha mellor atención, un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais, con menor tempo de espera e facilitando a organización do traballo das empresas, do comercio e das persoas usuarias” puntualiza o deputado do BNG. De facto, durante o verán, a poboación de Ribeira aumenta considerabelmente sumando outros 17.000 habitantes e mesmo chegando até 60.000 persoas na tempada máis alta.
Para o deputado do BNG, tamén é preciso que se cubran todos os postos vacantes, ben polo goce de vacacións, baixas ou permisos, e sobre todo nos meses de verán, momento en que o volume de traballo na oficina é maior debido ao aumento da poboación. “Desta maneira, aseguraríase unha adecuada cobertura e mantemento dos servizos” destaca.
Rego destaca tamén a necesidade de estabelecer unha estratexia en prol do mantemento da actividade de Correos, especialmente en sectores relevantes como a distribución de paquetes que agora realiza Correos Express, para o que opta de forma crecente pola contratación de persoas autónomas. “Este tipo de actuacións son, no fondo, unha maneira de privatización xa que se baleira de clientes á empresa matriz no canto de apostar por realizar todos os servizos con persoal propio, cuestión que permitiría manter e mellorar o servizo público universal de correos” sinala o deputado do BNG.