— Na visita dos profesionais do laboratorio Incoex ao centro situado na Coruña, enmarcada no programa de colaboración con diferentes laboratorios de toda España, puxéronse en común técnicas para a mellora da eficacia e a eficiencia das instalacións públicas de ensaio de produtos de consumo
— No Laboratorio de Consumo de Galicia analízanse xoguetes, artigos de puericultura e produtos eléctricos, entre outros
— Galicia é líder no control de produtos perigosos, estando cada ano entre as comunidades que máis alertas comunican á Rede Nacional
O Laboratorio de Consumo de Galicia, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, recibiu recentemente a visita do persoal técnico do laboratorio Incoex de Estremadura, que se desprazaron ás instalacións situadas na Coruña para coñecer de primeira man o traballo que desenvolven nos distintos departamentos da entidade galega.
O obxectivo desta xornada foi buscar sinerxías entre ambos os dous laboratorios para así facilitar o intercambio de información co fin de mellorar a eficacia e eficiencia das instalacións públicas de ensaio de produtos de consumo.
O laboratorio público estremeño Incoex, que analiza xoguetes, está buscando ampliar o seu campo de actuación a artigos de puericultura, motivo polo cal optaron por coñecer os ensaios, acreditados por ENAC, que se levan a cabo no laboratorio galego. Tamén amosaron interese na tecnoloxía 3D que o laboratorio emprega para fabricar pezas e que lles permite ampliar as análises dispoñibles.
Galicia é líder no control de produtos perigosos no mercado, estando cada ano entre as comunidades que máis alertas comunican á Rede Nacional grazas ao intenso labor de inspección e control. O Laboratorio de Consumo de Galicia analiza anualmente uns 500 produtos en eidos como o mecánico (xoguetes e artigos de puericultura), eléctrico, téxtil, e químico, entre outros. O pasado ano, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia alertou á Rede de Alerta Nacional de 82 produtos perigosos para a seguridade dos consumidores, e, no que vai de ano, a Comunidade xa alertou de 73 artigos.