Friday 22 de November de 2024

Mañá comeza a campaña estractiva do polbo en Galicia


A pesca do polbo prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2023, que se fixará no correspondente plan de xestión

Mañá a partir das 05.00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2023 que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2022/2023.

O plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este documento, a partir do 4 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas
-aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.
A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en colaboración cos gardacostas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.