Friday 22 de November de 2024

Lorenzana destaca o papel do cooperativismo para sentar os alicerces dunha sociedade galega máis próspera e igualitaria


― A conselleira de Emprego e Igualdade participou hoxe en Santiago de Compostela na celebración do Día do Cooperativismo

― No marco desta xornada entregáronse os Premios ao Cooperativismo 2022 ás cooperativas Aventeira de Fene, 13 Grados de Vigo e Agroflor de Narón

― Tamén se concederon os galardóns, na modalidade de proxectos empresariais, do certame Cooperativismo no Ensino ao CIFP Imaxe e Son da Coruña e ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra)

― Lorenzana destacou que a Xunta está a destinar este ano 35M€ á Economía Social con programas activados como o ES-Transforma, o Bono Consolida e Aprol Economía Social para que as entidades sexan máis competitivas e contribúan a xerar emprego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto central do Día do Cooperativismo galego que se celebrou no Parque da Música en Santiago de Compostela baixo o lema Construír un mundo mellor, no que Lorenzana reivindicou o cooperativismo como modelo que cimenta unha economía galega máis igualitaria e equitativa.

A conselleira explicou en cinco porqués o atractivo deste modelo empresarial: “porque é unha fórmula solidaria comprometida co emprego estable e de calidade; porque sitúa ás persoas no centro; porque está comprometido coas particularidades do seu entorno e aposta por fixar poboación no rural; porque aposta pola igualdade e por unha maior presenza e liderado das mulleres e porque actúa contra as desigualdades”, indicou.

Tal e como remarcou Lorenzana, soamente no 2021 creáronse en Galicia 174 novas iniciativas empresariais que apostaron pola economía social, “rexistrando a nosa Comunidade o maior crecemento en canto ao número de novas cooperativas creadas”. Galicia encabeza a creación de estas novas entidades, pasando do 37,7% en 2019 ao 50,79% en 2021, uns datos que como quixo recalcar a conselleira “demostran que as cooperativas sentan os alicerces dunha sociedade próspera e sostible”.
A Xunta de Galicia está a destinar este ano á economía social 35 millóns de euros, 2 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Na actualidade están activas as convocatorias dos programas ES-Transforma e o Bono Consolida, cun orzamento de 1,57 millóns de euros cada unha co propósito de reconverter, transformar e mellorar empresas de economía social.

Lorenzana especificou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén ten aberto o prazo de solicitude para o programa Aprol Economía Social. Dotado con 3,8 millóns de euros, busca a incorporación de persoas desempregadas e ocupadas a cooperativas e sociedades laborais.
Outras iniciativas como Medrando Xuntas, “co que seguimos a impulsar a presenza e liderado feminino nas entidades de economía social”; ou a Rede Eusumo, “un instrumento que xa leva dez anos acompañando ás entidades que apostan pola fórmula da economía social e do cooperativismo na nosa comunidade”, contribúen a consolidar este movemento na comunidade galega, referendou a titular de

Promoción do Emprego.
“Estamos perfilando a segunda Estratexia Galega de Economía Social despois do éxito acadado coa primeira, á que entre 2019 e 2021 destinamos máis de 89 millóns de euros e que beneficiou a máis de 3.000 entidades, superando con creces os obxectivos previstos”, lembrou Lorenzana, quen destacou que o acto polo Día do Cooperativismo celébrase este ano e Santiago de Compostela, “como non podía ser doutra maneira” xa que ostenta a capitalidade española da Economía Social durante 2022.

Os premiados
O evento de hoxe polo Día do Cooperativismo galego acolleu a entrega de galardóns dos Premios á Cooperación e do Certame do Cooperativismo no ensino.

No acto de Santiago resultaron recoñecidas Aventeira de Fene, por ter destacado no impulso dos valores e principios desta fórmula empresarial; 13 grados de Vigo, como mellor proxecto cooperativo que traballa pola divulgación e conservación do medio mariño; e Agroflor, cooperativa agraria con sede no polígono de A Gándara, en Narón, fundada en 1985 e dedicada ao cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta que resultou merecedora do recoñecemento á mellor traxectoria.
No acto fíxose entrega tamén dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame Cooperativismo no Ensino na modalidade de centros de Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, cuxos gañadores foron os representantes do CIFP Imaxe e Son da Coruña e o accésit para o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra).

Con estes recoñecementos, a Xunta valoriza a labor diaria do cooperativismo galego e o seu esforzo. “Todos eles son proxectos diferentes pero que comparten as singularidades do cooperativismo e que benefician non só ao noso tecido económico, non so ao territorio do que forman parte, senón á sociedade galega no seu conxunto”, afirmou a conselleira.