As praias de Perbes, Grande e A Ribeira, do Concello de Miño, xa locen os seus respectivos distintivos que as destacan como uns areais de calidade, que contan cunha ampla variedade de servizos para os usuarios.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acompañado doutros concelleiros do goberno local, presidiu o acto de izado da bandeira azul na praia de Andahío de Perbes, ao que acudiron tamén outros concelleiros e concelleiras do goberno local.
Ademais, desprazáronse ata as praia Grande de Miño e a da Ribeira para instalar os distintivos Q de calidade, expedidos polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICT) e que certifica que se superaron unhas probas rigorosas e obxectivas no compromiso coa calidade dos servizos ofertados.
Vázquez Faraldo destacou “a importancia que ten para Miño, como municipio coa cualificación de concello de interese turístico, que este areal conte outro ano máis cun distintivo de calidade como a bandeira azul e as Q de calidade” e incidiu en que “todas as nosas praias teñen unha calidade excepcional e seguiremos traballando para que a bandeira luza noutros areais do municipio”.