Friday 22 de November de 2024

A Xunta inicia as obras de ampliación e ordenación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera da Coruña


― A actuación permitirá incrementar o espazo de aparcadoiro e poñer á disposición dos usuarios 31 prazas ordenadas, ao tempo que se habilita unha vía perimetral que favorecerá a circulación en anel bordeando o aparcadoiro

― Ademais, modificarase un dos accesos a este centro hospitalario da Coruña para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración similar ao dunha rotonda

― Os traballos realízanse en coordinación cos equipos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria

― O contrato desta actuación inclúe tamén a ampliación de estacionamentos no Hospital Naval de Ferrol e supón un investimento global de 1 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar a execución das obras de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera (Materno-Infantil) da Coruña.

O obxectivo desta nova actuación da Xunta é ofrecer máis servizos a todas as persoas que se desprazan aos hospitais, favorecendo a mobilidade en toda a contorna ao facilitar o estacionamento.

Esta intervención iniciada este venres, permitirá o acondicionamento dunha zona situada na parte traseira do Materno-Infantil, onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais.

Os traballos que se executarán, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente. Na actualidade, un destes espazos, aínda que sen urbanizar, xa se usa para o estacionamento. No outro habilitaranse novas prazas á disposición do hospital. Estas 31 prazas viranse sumar ás 53 habilitadas nunha actuación anterior da Xunta.

Adicionalmente, habilitarase un viario perimetral, que permitirá realizar unha circulación en anel bordeando os novos aparcadoiros, conectando co camiño de Xubias de Abaixo, que se ampliará na zona máis próxima á actuación.

Paralelamente, modificarase un dos actuais accesos ao hospital Teresa Herrera para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.

Os traballo están a realízanse en coordinación cos equipos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria

Esta nova intervención da Xunta no Hospital Teresa Herrera da Coruña forma parte do contrato das obras para dotar de novas prazas de aparcadorio ao Hospital Naval de Ferrol, que xa están tamén e execución, e cuxo investimento global supera o millón de euros.

Estas actuacións en ambos dous centros hospitalarios públicos danlle continuidade ás actuacións de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levadas a cabo no 2020, e realizadas no marco dun contrato maior, de mellora dos accesos dos hospitais públicos da provincia da Coruña, que supuxo un investimento da Xunta de 1 millón de euros e que incluíron tamén actuacións nos centros do Barbanza, de Cee e de Santiago de Compostela.