Os traballos, que comezaron esta semana, abranguen a disposición dunha parada de autobús que substituirá á que actualmente está localizada na avenida de Fisterra, 84, facéndoa accesible a persoas con mobilidade reducida
Ademais, o Goberno municipal reforzará a sinalización viaria na contorna, coa elevación dos pasos de peóns próximos
O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos para mellorar a accesibilidade no cruzamento entre a avenida de Fisterra e a rúa Paseo das Pontes.
A intervención, que se está levando a cabo nun enclave cunha elevada intensidade de tráfico, ten como obxectivo a renovación integral do cruzamento para reforzar a seguridade peonil e garantir, ademais, a súa adaptación a persoas con mobilidade reducida, eliminando barreiras arquitectónicas no espazo público.
Neste sentido, os traballos abranguen a transformación da sección central do paso peonil existente na confluencia entre a avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes, onde se situará unha parada de autobús que substituirá á que actualmente está localizada no número 84 da avenida de Fisterra. Ademais, mellorará a esta última en termos de accesibilidade. En paralelo, tamén se acometerá a reforma do propio paso peonil, que pasará a estar disposto en elevación, axudando a atenuar a velocidade dos vehículos motorizados que accedan ou saian desde a rúa Paseo das Pontes. A intervención tamén implicará a modificación do carril de acceso ao tramo final da rúa Paseo das Pontes, con nova sinalización.
Ademais, dentro dos traballos, o Concello prantará novos exemplares de arboredo na contorna, ampliando as áreas verdes e axardinadas xa existentes e incrementando tamén o mobiliario urbano.
As seguintes obras para mellorar a accesibilidade peonil, no Castrillón e na praza de San Pablo
Tras a intervención na confluencia entre a avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes, o Concello acometerá outras dúas obras para a mellora da accesibilidade na cidade. A primeira delas será un novo paso de peóns elevado na rúa Maxistrado Manuel Artime, nas proximidades da praza de San Pablo e, a continuación, outro paso de peóns elevado situado na avenida da Concordia, na contorna do CEIP Juan Fernández Latorre no barrio do Castrillón, dando continuidade aos traballos levados a cabo no actual mandato polo Goberno de Inés Rey para mellorar a seguridade vial na contorna dos centros educativos.