Saturday 16 de November de 2024

O castelo de Moeche acolle durante todo o mes unha exposición do ebanista local Jose Fernández Hermida


Do 1 ao 31 de xullo poderase visitar nos horarios de apertura do castelo de Moeche a exposición “A nosa tradición na madeira”, unha mostra representativa do traballo do ebanista local José Fernández Hermida. Son pezas de gran beleza torneadas, talladas e montadas coa finalidade de representar elementos do patrimonio de dentro e fóra do municipio, como é o caso da reprodución do propio castelo ou a réplica a escala da Torre de Hércules. Auténticas obras de arte que o Concello exhibe con fachenda canda outras que reivindican profesións, usos, obxectos e costumes case case desaparecidos. Fernández, veciño de San Xoán, recrea deste xeito a maquinaria da malla, unha carrilana, unha bicicleta, un carro do país, unha máquina de fiar, etc, combinando nalgúns casos o uso da madeira coa pedra de Moeche ou “toelo”. Pedra e madeira, a arte da cantaría e da ebanistería, pasado e presente… no Castelo de Moeche.

O traballo da madeira goza da categoría dunha das grandes disciplinas profesionais da nosa tradición, e abrangue unha boa parte do valor artesanal da nosa cultura. Sendo máis frecuente a conservación das obras relixiosas que das civís, a carpintería fala dun dos gremios profesionais máis antigos do mundo, que recorre o amplo espectro que comprende dende a construción de pazos, catedrais e mobles ata a fabricación dos prototípicos utensilios das primeiras sociedades cazadoras e colleitadoras. A madeira é o elemento fundamental para a formación da estrutura interior de calquera edificación ata ben entrado o século XIX, e a evolución do ser humano, con todo isto á vista, non pode ser analizada sen atopar sempre na madeira o material clave.

En Galicia, a abundancia de especies de porte arbóreo que atopamos dá lugar a un uso xeneralizado da madeira dende o propio xerme da revolución agrícola. Os primeiros achádegos do Neolítico do norte peninsular (5000 a. C.) fálannos dun uso da madeira intimamente relacionado coas tarefas agrícola-gandeiras, onde o problema non era tanto o uso ou fabricación de novo útiles como si a súa conservación, dificultosa neste espazo debido aos altos niveis de humidade. O traballo en madeira nunca abandonou dende entón a vida cotiá do ser humano, pero destas breves liñas non debemos tirara conclusión dun uso simplemente cotián da madeira.

A arte, nas súas distintas variantes, obtén da madeira unha fonte inesgotable de recursos para a súa creación.

O traballo do ebanista José Fernández Hermida, veciño da parroquia de San Xoán de Moeche, pode enmarcarse dentro de ambos supostos. Comprende a talla e a modelaxe da madeira nas súas dúas vertentes, mecánica e artesá, e ao longo da súa vida deu lugar tanto a pezas esculpidas de gran beleza centradas na representación en madeira do noso patrimonio – é o caso do Castelo de Moeche ou da Torre de Hércules – como a pezas que reivindican as vellas profesións e eses costumes case abandonados propias dos usos agro-gandeiros da nosa terra. Recrea, deste xeito e a través sempre da madeira, a maquinaria da malla, unha carrilana ou mesmo unha bicicleta, un carro do país e un máquina de fiar, e moitas pezas máis, algunhas combinadas co manexo da pedra de Moeche ou “toelo”.

Moitas son as vivendas de Moeche, San Sadurniño, e concellos próximos e non tan próximos, Narón, Ferrol ou A Coruña, que contan con mobles ou fermosas pezas saídas das mans de José, dun proceso que como el mesmo di “primeiro empeza a cabeza a traballar, despois fago un plano sobre o papel, coas medidas e as pezas tal e como as vou cortar (…) Tes que meter o deseño na cabeza” . Algúns deses deseños pódense visitar durante o mes de xullo no castelo de Moeche nos horarios semanais de apertura da fortaleza.