Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa a promoción de 320 vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo ao licitar hoxe por 2,7 M€ a redacción dos seus proxectos


— Ángeles Vázquez salienta que grazas a esta última licitación, o barrio coruñés de Xuxán vive un “momento crucial” cun total de 138 VPP proxectadas ou en construción

— Destaca que nos últimos meses o Goberno galego licitou, iniciou os traballos construtivos ou mesmo xa adxudicou un total de 601 vivendas protexidas nas cidades

A Xunta de Galicia Impulsa a promoción dun total de 320 novas vivendas de promoción pública (VPP) nas cidades da A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo coa licitación da redacción dos respectivos proxectos construtivos.

Durante unha visita ao barrio coruñés de Xuxán, no que están proxectadas 58 destas futuras VPP, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que hoxe mesmo se licitaron os 4 contratos, por un importe de 2,7 millóns de euros e con prazo aberto para a presentación de ofertas ata mediados de agosto.

Acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a responsable autonómica explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dá o primeiro paso para poder impulsar a construción de 320 inmobles nestas catro cidades. Así, ademais das VPP xa mencionadas de Xuxán, tamén se licitou hoxe a redacción dos proxectos correspondentes aos edificios que albergarán outras 128 VPP no barrio vigués de San Paio; 76 máis en Valdecorvos, na cidade de Pontevedra; e 58 no Castiñeiriño, en Lugo.

No caso concreto da Coruña, a conselleira considerou que se confirma o “momento crucial” que está a vivir este barrio, no que a día de hoxe, subliñou, hai un total de 138 vivendas protexidas proxectadas ou en construción.

Así mesmo, as 320 novas VPP impulsadas grazas aos contratos licitados hoxe, súmanse ao resto de proxectos e promocións públicas licitadas, en marcha ou mesmo adxudicadas polo IGVS nos últimos meses nas cidades galegas, ata sumar un total de 601 vivendas protexidas. Un balance que enmarcou no esforzo realizado pola Xunta este ano en materia de novas promocións residenciais de carácter público, cunha partida reservada a tal fin nos orzamentos deste ano de 8,5 millóns de euros.

Fondo cooperación cos concellos
Máis aló das actuacións propias do IGVS nas grandes cidades, a conselleira incidiu tamén en que o seu departamento deseña e ofrece outros instrumentos especificamente pensados para que os municipios de menor tamaño poidan impulsar as súas propias actuacións en materia de vivenda e rehabilitación do patrimonio municipal.

Neste sentido, lembrou que, desde hoxe, os concellos de menos de 50.000 habitantes poden acceder a préstamos sen xuros para financiar actuacións de rehabilitación de inmobles ou mesmo para adquirir edificios xa construídos coa intención de restauralos no marco do Fondo de cooperación do IGVS, convocado por un importe de 11,3 millóns.