Saturday 23 de November de 2024

Comeza o programa municipal de Actividades de Verán, con medio centenar de rapaces participantes na primeira das propostas


Aínda hai prazas dispoñibles na maior parte das actividades.

O programa municipal de actividades de verán comezou a desenvolverse hoxe coa realización da primeira das 22 propostas dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil.

Medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos viaxaron ata Santiago de Compostela para asistir ao Diver Jump Trampoline Park, instalación na que durante toda a mañá realizaron xogos, atraccións e actividades recreativas.

Na próxima semana (do 4 ao 8 de xullo) realizarase no pavillón do IES Agra de Leborís o campamento urbano, no que xa se cubriron todas as prazas. A primeira quenda do campamento de Caión (prevista do 4 ao 8 de xullo) cancélase por non contar co mínimo de inscritos. A segunda quenda celebrarase do 11 ao 15 de xullo.
A inscrición permanece aberta na maior parte das actividades, como nos tradicionais campus dos deportes máis practicados no termo municipal da Laracha. O de fútbol será do 18 ao 22 de xullo e en dous grupos nos campos Municipal da Laracha (5 a 11 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (12 a 15 anos). O de baloncesto vai dirixido a rapaces de entre 5 e 15 anos e realizarase no pavillón Municipal da Laracha do 1 ao 5 de agosto.

Outras propostas para o público infantil serán a saída para practicar kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo) e paintball en Valdoviño (8 de agosto). Xa están esgotadas todas as prazas para Humor Amarelo (11 de agosto) o circuíto de karts a pedais de Paiosaco (18 de agosto) e o cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión (22 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto permanece aberta a inscrición en todas as actividades: práctica do kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), tirolina xigante e Ruta dos Fornos na Pontenova (28 de xullo), xornada no circuíto de karting de Vimianzo (9 de agosto), rocódromo na Coruña (12 de agosto), paintball en Valdoviño (19 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (23 de agosto) e rafting no río Ulla (25 de agosto).

As inscricións poden formalizarse acudindo ao Concello ou cubrindo o formulario en liña dispoñible na web municipal alaracha.gal.