O servizo, que ofrecerá grazas á incorporación dunha técnica de turismo, prestarase de luns a venres de 12 a 19 horas
O Concello de Neda abre hoxe as portas da Oficina Municipal de Turismo nas instalacións do Albergue de Peregrinos, punto estratéxico de recepción ao visitante. Faino grazas á incorporación dunha técnica de Turismo contratada ao abeiro da liña de subvencións aberta pola Deputación provincial da Coruña. María Victoria Fornos ofrecerá así información sobre os principais recursos turísticos da localidade de luns a venres de 12 a 19 horas, ata finais do mes de outubro.
Entre eles, aqueles vencellados ao Camiño Inglés que, ao seu paso por Neda, permite descubrir o casco histórico e puntos de visita obrigada como a Torre do Reloxo ou as igrexas de Santa María e San Nicolás. Tamén escapadas obrigadas a escenarios tan espectaculares como a Fervenza do Belelle e a paisaxe que rodea os muíños que bordean o cauce ou os miradoiros de Ancos e Viladonelle.