A cidade acollerá este domingo, día 3, a celebración da “I BTT Resistencia Cidade de Narón”, organizada polo Concello en colaboración co Club Ciclista Narón e a Federación Galega de Ciclismo. Na convocatoria, tal e como avanzou o concelleiro de Deportes, José Oreona, participarán preto de duascentas persoas. A celebración da proba implicará o corte da estrada de baixada á área recreativa de Pedroso dende as 10.00 ata as 13.00 horas, aproximadamente, tal e como se informou dende o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón. Dende o Speis xa informaron da medida aos veciños da zona, que terán acceso ás súas vivendas.
O evento deportivo consiste nun percorrido circular duns oito quilómetros, con saída e meta nas inmediacións do local da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso, ás 10.00 horas. A proba levarase a cabo durante tres horas por pistas forestais e sendeiros da citada parroquia naronesa e os participantes deberán realizar nun tempo preestablecido de tres horas o máximo número de voltas posibles ao circuíto.
Dende o Concello de Narón solicitan de antemán desculpas a todas as persoas afectadas por esta restrición temporal, precisa para poder desenvolver con seguridade este evento deportivo na cidade.