Friday 22 de November de 2024

O ciclo “Música no Camiño” continúa achegando a música galega aos centos de peregrinos que chegan cada domingo a Compostela


Este ciclo de actuacións de música populares organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares constitúe un recoñecemento aos numerosos peregrinos que acadan a etapa final do Camiño

O ciclo “Musica no Camiño”, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, continúa amenizando as mañás dos domingos aos centos de peregrinos que chegan cada fin de semana a Santiago de Compostela.

Este ciclo de actuacións de bandas de música populares constitúe un agradecemento a eses numerosos peregrinos que acadan a etapa final do Camiño, que no que vai de ano superan xa os 196 mil.

Grazas ao mesmo, os camiñantes poden deleitarse con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custe. Trátase así dun xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante todo o Camiño a todos aqueles peregrinos que realizan a Ruta Xacobea.

Este ciclo está a contribuír, ademais, na divulgación, defensa e promoción das Bandas de Música Populares Galegas en particular e da música galega en xeral.

As actuacións de bandas de música populares continuarán desenvolvéndose na Praza da Inmaculada en Santiago de Compostela durante os domingos deste mes e dos próximos meses de outubro e novembro.

Así, Compostela acollerá ata finais de ano un total de once concertos previstos os días 13, 20 e 27 de setembro; 4, 11, 18 e 25 de outubro; 1, 8, 15 e 22 de novembro de 2015.

Os concertos teñen lugar unha vez rematada a misa do Peregrino, comezando ás 13.00 h. aproximadamente e cunha duración aproximada de sesenta minutos, mostrando aos peregrinos que chegan a Compostela a nosa cultura e tradicións.

Próximas actuacións
A actuación de hoxe correu a cargo da Banda de Música de Salvaterra que, dirixida por Daniel Gregores Muñoz, interpretou un total de nove pezas.

Nos próximos domingos de setembro, outubro e novembro terán lugar as seguintes actuacións:

20 de setembro: Escola-Banda de Música de Antas de Ulla
27 de setembro: Banda de Música recreativa e cultural de Bandeira
4 de outubro: Banda de Música da Soc. Recr. San xoán de Calo
11 de outubro: Unión Musical de Cabral
18 de outubro: Banda Filarmónica de Lugo
25 de outubro: Banda de Música Belas Artes de Cangas
1 de novembro: Banda de Música Cultural e Recreativa de As Pontes
8 de novembro: Banda de Música Unión de Guláns
15 de novembro: Banda de Música Municipal de Valga
22 de novembro: Banda Artística de Merza