Os nacionalistas presentarán, ademais das conxuntas, alegacións individuais ao proxecto.
Foron aprobadas as mocións do BNG para a creación dun departamento de ciberseguridade e a posta en marcha do servizo de normalización lingüística.
O BNG de Arteixo presentou unha moción conxunta con outras forzas políticas, da que se descolgou o PSOE, na que se demanda que a Xunta responda desfavorablemente á solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto a necesidade de urxente ocupación que iso implica a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o Proxecto Sectorial do Proxecto do Parque Eólico Carboeiro nos Concellos de Arteixo, A Laracha e Culleredo. Ademais, acordouse presentar un completo e contundente escrito conxunto de alegacións, sen prexuízo daquelas que o BNG presentará individualmente.
O BNG explicou a súa postura a respecto dun ben público como o vento, demandando un servizo público para un sector estratéxico en Galiza coma este, que xere riqueza, traballo e fixe poboación no noso país. “O vento é noso e debemos xestionalo nós mediante unha empresa pública galega, lembremos que Enel é unha empresa pública italiana que mercou Endesa e explota a riqueza galega entre outras. Resumindo: enerxía eólica si pero con proporcionalidade, racionalidade e equilibrio có territorio”, explica o voceiro do BNG Xurxo Couto.
O BNG tamén apoiou outra moción que demanda que non se apliquen os criterios do Real Decreto 6/2022 para eliminar en determinados parques eólicos o procedemento de avaliación ambiental, o trámite de información pública e as peticións de informes sectoriais que permiten unha axeitada tramitación ambiental, tal e como xa se aprobou no mes de maio noutra moción presentada polo BNG e aprobada por unanimidade.
En relación coa retirada das liñas de alta tensión que pasan pola urbanización SolyMar, o BNG advertiu que pasou o tempo das mocións e que hai que poñerse xa a traballar por unha solución. Os nacionalistas reclaman que na Xunta de Voceiros próxima o goberno do concello traia unha folla de ruta concreta e específica na que traballar todos e todas, para que dunha vez e definitivamente a veciñanza desta urbanización se vexa libre destas liñas de alta tensión que tanto afectan ao seu día a día e mesmo a súa saúde.
Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se demanda a creación dun departamento de ciberseguridade no concello de Arteixo. Neste senso, o BNG lembra que hai que ser proactivos e previsores e non laiarse por un ataque cando sexa tarde. Na moción tamén se pedía o cumprimento do Esquema Nacional de Seguridade (requisito obrigatorio para un Concello) no que se deben determinar as políticas de seguridade que se teñen que aplicar na utilización de medios electrónicos.
O Pleno tamén aprobou a outra moción presentada polo BNG na que se reclama a creación dun servizo de normalización lingüística, tal e como se aprobou na RPT, así como a posterior integración de Arteixo na asociación de entidades locais pola lingua galega “ALINGUA”.
En canto a rogos e preguntas, dada a extensión do Pleno de xuño, quedaron de ser respondidas por escrito. O BNG informará a través dos seus medios de difusión cando estas respostas se produzan.