Saturday 16 de November de 2024

O pleno reclama o dereito á liberdade de amar, de ser e de existir


O pleno municipal aprobou a ordenanza das condicións básicas de emisión e uso das tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade e mobilidade reducida. O obxectivo principal que se persegue é mellorar e axilizar o proceso de tramitación e evitar utilizacións fraudulentas.

Tamén foi aprobada unha declaración do Goberno municipal con motivo do Día internacional do orgullo LGTBIQA+, que foi apoiada por todos os grupos políticos agás o Partido Popular. O texto é o seguinte:

O 28 de xuño de 1969 tiña lugar nun local LGTBIQA+ de Nova York unha redada policial. Outra máis, outro acto máis de violencia contra o colectivo, múltiples e moi frecuentes por aquel entón, polo mero feito de ser, existir e intentar vivir libremente. Mais nesta ocasión, foi diferente: coa fartura e o esgotamento que xeran as inxustizas, desta vez, as persoas que alí se atopaban alzáronse contra as cargas, en protesta contra a violencia da que eran receptoras. Isto desencadearía un fito histórico: o comezo das mobilizacións do colectivo LGTBIQA+.

Por vez primeira, alzaban a súa voz conxuntamente para condenar a violencia a que estaban sometidas, e para esixir os dereitos que lle estaban sendo vulnerados. Así, xiraron o temón da historia, comezando unha longa viaxe en prol da igualdade, o liberdade e o respecto cara a diversidade. Todo isto a través do revolto mar do activismo, a loita e a memoria.

O pasado martes 28 de xuño de 2022, 53 anos despois, as reclamas seguen sendo as mesmas. Se ben é certo que paseniñamente fomos acadando dereitos e
recoñecementos, tamén é certo que queda moito camiño por andar para unha
consecución real e efectiva da igualdade. As persoas LGTBIQA+ seguen a ser
receptoras de agresións físicas, verbais, discriminacións, prexuízos, rexeitamento social e, polo tanto, violencia, moita violencia.

Nos últimos anos, o avance da extrema dereita, tanto a nivel estatal como internacional, así como as posicións de diferentes institucións, organismos e entidades (institucións eclesiásticas, medios de comunicación, grupos de presión etc.) que comparten un marcado posicionamento homofóbico e opóñense directamente ao avance dos dereitos das persoas LGTBIQA+, constitúen un freo e un obstáculo nos avances cara a igualdade. Nestas posicións ideolóxicas conservadoras e pouco democráticas, carentes de respecto polos principios da igualdade e a diversidade, os intentos de instaurar o que pensan que é a ‘forma correcta’ de ser, sentir e vivir son reiterados.

No seu esquema de patróns estreitos, a diversidade non ten cabida. Semella, logo, que estamos a vivir tempos escuros onde as enerxías, no canto de centrarse na consecución de novos dereitos, invístense na defensa dos xa outrora recoñecidos por mor dos continuos intentos de arrebatárnolos. E é que a loita e o activismo continúan a ser fundamentais. Isto é, as xornadas reivindicativas como as do 28X, onde a xente alza a voz e pide igualdade de trato e democracia, seguen a ser vitais.

Mais esta é unha loita común, colectiva, conxunta, da que participamos tanto as persoas que conformamos o colectivo LGTBIQA+ como as que non. Así, é imprescindible que as Administracións públicas tomemos parte e nos posicionemos en prol da igualdade. Por iso, desde o Concello de Oleiros queremos continuar xerando palestras que visibilicen e reclamen a diversidade, e lexislar para a consecución da igualdade. Reclamamos o dereito á igualdade na diversidade!

Defender e loitar polo acceso aos dereitos é responsabilidade colectiva, de toda a cidadanía. Porque si, os dereitos LGTBIQA+ son dereitos humanos e, como tal, dereitos fundamentais sobre os que se constrúe calquera sociedade que queira chamarse democrática. E o Concello de Oleiros é parte desta loita común. Queremos reincidir o noso compromiso en prol dos dereitos das persoas LGTBIQA+, así como na loita contra os intentos de retroceso que buscan devolvernos á invisibilidade, ao estigma, ao ‘nonser’, a un lugar do pasado cheo de odio, violencia e discriminación.

Pero, nin un paso atrás! Loitamos e facemos políticas concretas, con feitos, que permiten que en Oleiros medre unha xuventude diversa, respectuosa, inclusiva, libre e independente.

Loitamos colectivamente por acadar a igualdade e a xustiza social.

Loitamos para que ningunha persoa volva ser discriminada e violentada pola súa
orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero e/ou sexo.

Loitamos por conseguir unha sociedade na que a igualdade sexa real e efectiva e non unha simple declaración de intencións.

Porque si, somos libres de amar, libres de ser e libres de existir. Porque non hai igualdade sen diversidade!