No 2014 fixéronse 4.364 informes periciais de valoración e 403 informes periciais de carácter especializado
A Xunta a través do servizo de asistencia pericial á Administración de Xustiza realizou no pasado ano 4.767 informes periciais e prestou en 1.064 casos servizos de tradución e interpretación, co principal obxectivo de facilitar e optimizar o traballo dos xuíces.
O goberno galego presta servizo de asistencia pericial á Administración de Xustiza a través de persoal dependente da propia administración –un perito caligráfico, un perito especialista en bens inmobles e un perito especialista en automóbiles- e mediante acordos e contratos administrativos con entidades ou empresas especializadas, como a Universidade de Santiago, o Colexio Galego de Psicoloxía, o Colexio Galego de Arquitectos, o Servizo Galego de Saúde ou o Consello Galego de Colexios de Economistas, entre outros.
A complexidade das materias que chegan aos xulgados fan necesarios coñecementos específicos para que o xulgador poida valorar as diversas circunstancias relevantes no asunto a axuizar, solicitando en moitos casos o asesoramento dos peritos. Estes profesionais obxectivos e expertos coñecedores das materias obxecto do ditame solicitado, emiten un informe ou opinión baseada no rigor, constituíndo un servizo indispensable durante a etapa de investigación.
Servizos de tradutores e intérpretes na Xustiza galega
Este servizo de tradución e interpretación en idiomas non oficiais de Galicia atendeu, no pasado ano, un total de 1.064 casos, dos cales 562 correspóndense con servizos de interpretación e 502 con servizos de tradución.
Máis en detalle, o servizo de interpretación, do total dos casos atendidos, destacan os 201 do romano, os 74 casos atendidos do árabe, 54 do chinés e 61 do inglés. No caso da asistencia para tradución de documentos, do total dos servizos prestados, destacan as 109 traducións do inglés, 93 do francés, 98 do alemán e 89 do portugués, entre outros.
Como complementariedade a este servizo de tradución e interpretación en linguas non oficiais en Galicia, a administración galega ofrece, neste ámbito, o servizo de tradución e interpretación galego-castelán e viceversa, prestado por cinco lingüistas e once tradutores-intérpretes, que traballan para a Administración Autonómica no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e nas Audiencias Provinciais.