Saturday 16 de November de 2024

A Orquestra Xove da OSG participa mañá no Festival de Granada, un evento de referencia no panorama mundial da música clásica


É a primeira vez que o festival inclúe na súa programación central unha orquestra xove, o que pon de manifesto o éxito dun proxecto visionario creado hai 30 anos e hoxe consolidado como unha das apostas educativas máis singulares de España

Inés Rey salienta que o Festival de Granada recoñece, coa presenza da formación coruñesa, “o éxito da nosa aposta polo talento, o futuro e a cultura, que son o mellor investimento que pode facer unha cidade”

O recital da Orquestra Xove da OSG, que terá lugar no Palacio de Carlos V, constituirá a homenaxe do Festival de Granada polo seu 90º aniversario ao compositor de música de cinema John Williams, autor das bandas sonoras de ‘Tiburón’, ‘Harry Potter’, ‘A lista de Schindler’ ou ‘A guerra das galaxias’

A Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia ofrecerá en Granada un concerto que supón un fito na historia desta formación, nada da ambiciosa aposta educativa do Concello da Coruña hai 30 anos. É a primeira vez que o “Festival Internacional de Música y Danza de Granada”, considerado como o evento de música clásica máis importante en España, convida a unha orquestra xove a formar parte da súa extensa programación, que reúne o máis selecto do seu xénero, procedente de todo o mundo.

O concerto está programado para mañá, ás 22.30 horas, no Palacio de Carlos V, cunha orixinal proposta. Será o tributo que lle renderá o Festival de Granada polo seu 90º aniversario ao compositor de música de cinema John Williams, autor de xoias como as bandas sonoras de ‘Tiburón’, ‘Harry Potter’, ‘A lista de Schindler’ ou ‘A guerra das galaxias’.

Así, a Orquestra Xove poderá amosar, a través deste evento de recoñecida proxección internacional, a evolución dunha das grandes apostas realizadas na nosa cidade a prol do desenvolvemento cultural, o Consorcio para a Promoción da Música. Deseñado por Víctor Pablo Pérez hai trinta anos, non só levou a Orquestra Sinfónica de Galicia á elite da música clásica española, tamén consolidou unha excelente base xuvenil, a Orquestra Xove, nunha iniciativa formativa de alto nivel que cimentou a carreira dun nutrido grupo de novos talentos que hoxe en día ocupan praza en importantes orquestras de todo o mundo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que asistirá ao concerto, destacou que a presenza da Orquestra Xove nun festival da categoría do de Granada é “a demostración de que aquel proxecto que o Concello da Coruña sementou hai tres décadas era un proxecto visionario, claramente de futuro, que hoxe segue vixente”. Para Inés Rey, a presenza da Orquestra Xove da OSG no programa, xunto con formacións e artistas de primeira liña, “permitirá expoñer ante a comunidade internacional da música clásica un proxecto de máximo nivel, froito dunha política cultural que cre nos seus novos valores e que imos seguir apoiando de xeito firme, porque talento, futuro e cultura son o mellor investimento que pode facer unha cidade”.

A elite do panorama musical
O “Festival Internacional de Música y Danza de Granada” foi creado en 1952 e realízase nos pazos da Alhambra e noutras localizacións da cidade, o que constitúe un aliciente nesta cita que cada ano acolle a grandes intérpretes do momento, xunto con apostas por novos artistas chamados a ser futuros mestres. Polos pazos e patios árabes de Granada pasaron grandes da música como Artur Rubinstein, Victoria de los Ángeles, Montserrat Caballé ou Andrés Segovia, xunto con directores como Carl Schuricht, Herbert von Karajan ou Sergiu Celibidache, ou bailaríns e bailarinas como Margot Fonteyn ou Rudolf Nureyev.

O festival ten a súa orixe nos concertos sinfónicos que se realizaban desde 1883 no Palacio de Carlos V durante as festas de Corpus Christi e bebe tamén do famoso “Concurso de Cante Jondo”, convocado en 1922 por García Lorca, Falla e outros intelectuais e artistas da época.

O centenario deste acontecemento artístico terá un gran protagonismo cunha programación especial integrada no festival, que comezou o pasado 13 de xuño e que se prolongará ata o 10 de xullo. Está dividido en varias seccións segundo formatos, xéneros e temáticas, cun total de 97 espectáculos de música e danza. Como todos os anos, conta con dous músicos residentes, o compositor Mauricio Sotelo, un dos referentes da creación europea actual, e a violista alemá Tabea Zimmermann, considerada a mellor intérprete actual deste instrumento.

Entre os seus pratos fortes figuran formacións como o Ballet Nacional de Eslovenia ou a Orquestra Sinfónica de Londres, baixo a dirección dun dos mestres ingleses do momento, Sir John Eliot Gardiner.

Homenaxe a un dos maiores creadores musicais da historia do cinema
A respecto da participación da Orquestra Xove da OSG, enmárcase na sección Concertos de Palacio. Dirixida por Víctor Pablo Pérez baixo a idea e guión orixinal de Jordi Cos, desde a programación do festival destácase que é unha proposta “para unha arte en esencia xove, a das bandas sonoras, encarnadas na obra dun dos maiores creadores musicais que deu o mundo do cinema, John Williams (Nova York, 1932)”. Prosegue a recensión indicando que “polo seu 90 aniversario, o Festival dedícalle unha sentida homenaxe paseándose por algunhas das súas máis populares partituras: de ‘Tiburón’ a ‘Harry Potter’, ‘A lista de Schindler’, ‘Parque Xurásico’ ou ‘A guerra das galaxias’”. Como gran valor engadido a este concerto tan especial, o valenciano Salvador Vidal, prestixioso actor de dobraxe (pon a voz a Liam Neeson, entre outros), presentará cada tema con frases do filme correspondente.

Un dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español
Convertida xa nun dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español, a Orquestra Xove da OSG supón unha das poucas posibilidades reais de achegar ás e aos futuros profesionais á práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica.

Ademais, as súas persoas integrantes reciben unha completa formación con profesorado instrumentista da OSG e numerosas clases maxistrais de grandes profesores/as e intérpretes.

Desde a súa fundación en 1994, esta iniciativa permitiulle a centos de xoves instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos baixo o maxisterio de mestres como Alberto Zedda, Dima Slobodeniouk, James Judd, Pietro Rizzo, Michael Gilbert, James Ross, Diego García Rodríguez, José Trigueros ou Joan Company, entre outros. A formación participou como orquestra de foso en prestixiosos eventos como o Festival Mozart da Coruña, compartiu escenario coa Orquestra Sinfónica de Galicia en distintos recitais, e ofreceu concertos sinfónicos en Madrid, San Sebastián, Murcia, Valencia, León, Segovia ou Xerez.