Do 7 ao 30 de setembro, o Museo do Humor de Fene acollerá unha exposición sobre o caricaturista galego José Cao Luaces. A mostra, titulada “José Cao Luaces, Galego universal na caricatura”, poderá visitarse ao longo da vindeira semana, de luns a sábado, de 10.00 a 14.15 horas. A partir do luns 14 de setembro, o horario da sala de exposicións fenesa será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
O Club de Prensa de Ferrol é o responsable e propietario desta mostra que organizou en 2014 con motivo da celebración do XVII Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, edición que xirou en torno ao “Humor e ideoloxía en tempos convulsos». A exposición recolle unha completa selección de caricaturas das distintas etapas do autor.
José Cao Luaces (1862-1918) foi un caricaturista galeguista que desenvolveu a súa carreira no exilio, en Bos Aires. Os seus debuxos, cheos de ironía, publicáronse en xornais e revistas como Don Quijote, El eco de Galicia, La Bomba ou Caras y caretas. A súa obra foi máis recoñecida en Arxentina ca en Galicia, sendo Luis Seoane o primeiro intelectual que salientou a Cao Luaces coma un dos primeiros grandes caricaturistas galegos.