Un total de 89 casas de turismo rural participan nesta iniciativa que ten como obxectivo dinamizar e favorecer a desestacionalización deste segmento durante os meses de outono
Santiago, 4 de setembro de 2014.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo presidente de Agatur, Manuel Luciano Sánchez, e o presidente de Fegatur, Cesáreo González, presentou hoxe a novena edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural.
A través deste innovador produto turístico, promovido por Turismo de Galicia, os establecementos rurais convidan a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dous menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada e exclusivamente concibidos para a ocasión.
Nesta novena edición, o Outono Gastronómico en Turismo Rural conta coa participación de 89 establecementos galegos, 27 na provincia da Coruña; 22 en Lugo; 22 en Ourense e 24 en Pontevedra.
Durante a presentación, Nava Castro explicou que o obxectivo da campaña, un ano máis, é dinamizar o turismo no eido rural, desenvolvendo unha oferta complementaria e favorecendo a desestacionalización.
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o éxito obtido nas oito edicións anteriores consolida este programa como unha oferta contrastada e demandada tanto polo público como polas casas rurais de Galicia. “Na suma das oito campañas precedentes acadouse un total de 2.731.617 € e a suma do número de participantes ascendeu a case 48.200 persoas”, afirmou.
Diversas propostas
Dende o 11 de setembro ata o 13 de decembro as casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen as seguintes posibilidades:
-O “Menú Outono Gastronómico”. Un menú que consta de entrantes, primeiros e segundos prato, sobremesas, cafés ou infusións, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.
-Un “Paquete Outono Gastronómico” que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pernoitar na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os os almorzos do día seguinte. Así, esta modalidade ofrece un menú por persoa máis aloxamento, na noite de venres ou sábado a escoller, e o almorzo nunha das casas de Turismo Rural participantes na promoción por só 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou 80 euros para unha persoa en cuarto individual.
-Unha oferta completa de “Fin de Semana de Outono Gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 euros para unha persoa en cuarto individual.
– Unha promoción especial para aqueles que queiran compartir este programa turístico coa familia: a opción “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo da fin de semana será de 300 euros.
Así mesmo, como novidade desta nova edición agasallarase cunha botelliña de crema de licor ou cun doce “Capricho de Santiago” a todos aqueles clientes de establecementos de turismo rural participantes na campaña. Segundo explicou Nava Castro, esta oferta promocional especial para este 9º Outono Gastronómico servirá de elemento de atracción para novos consumidores deste produto e estimulará, así mesmo, a outros a repetir a experiencia de anos anteriores.
A relación dos establecementos participantes e os menús exclusivos que ofrece cada un deles pódese consultar na páxina web www.outonogastronomico2015com, dende a que, ademais, pódese acceder directamente a un blog de participación.
Crecemento do turismo rural
A directora de Turismo de Galicia destacou que esta nova edición do Outono Gastronómico no Turismo Rutral contribuirá a continuar a senda de crecemento acadada nos últimos tempos polo turismo rural galego.
Segundo sinalou Nava Castro, o turismo rural en Galicia viu incrementados no que vai de ano nun 20,8% os seus viaxeiros e nun 15,6% as súas pernoitas, elevando o seus niveis de ocupación en case dous puntos porcentuais.