A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, participou hoxe no VI Encontro de Estudantes Xitanos e Xitanas que se celebrou no Centro Cívico dos Mallos. Neira subliñou o esforzo que realizan a xuventude para “superar os estereotipos” e animounos a seguir adiante para converterse en referentes entre os seus compañeiros.
No acto participaron Santiago Barrul e Mercedes Cruz, da Fundación Secretariado Gitano. Antes do recoñecemento aos e ás estudantes destacados deste curso, celebrouse unha mesa de referentes na que tres rapazas xitanas que xa remataron os seus estudos debatiron sobre as oportunidades que lles ofrece a súa decisión de estudar, e insistiron na motivación da xuventude e as súas familias.
A Fundación Secretariado Gitano é unha organización social sen ánimo de lucro que traballa para a inclusión e a promoción da comunidade e cultura xitanas, tanto a nivel estatal como europeo. Na Coruña, ten a súa sede no Centro Cívico da Sagrada Familia.
As áreas de traballo da Fundación Secretariado Gitano son diversas: emprego, inclusión social, educación, saúde, igualdade de trato e xénero, xuventude, vivenda, cultura e cooperación internacional.