A concelleira de Benestar Social, Catalina García, anunciou que o vindeiro venres, 1 de xullo, abrirá o prazo de inscrición nas actividades do curso 2022-2023 do programa municipal de Avellentamento Activo. O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, o Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Santa Icía, a Asociación de Maiores, a Fundación Terra de Trasancos (O Val) a Sociedade Cultural Areosa, a Sociedade Cultural “A Pombiña” de Pedroso e as entidades veciñais “Ceibe” de San Xiao, San Mateo, Virxe de Fátima de Freixeiro, “Os Cruceiros” de Castro, “Rosa dos Ventos” de Sedes, “A Naveira” de Doso, Virxe do Mar, O Alto, e “Altea” de Xuvia acollerán as diferentes actividades.
O Concello ofrece a través do programa de Avellentamento Activo varias actividades, como ximnasia rehabilitadora, ioga, memoria, apoio á informática, labores, un obradoiro de enredar e outro de lecto-escritura e cancións de animación e cantigas. “As actividades desenvolveranse de luns a venres, unha ou varias veces por semana, en horario de mañá e tarde, dependendo da ubicación elixida, e nalgúns casos estableceranse varias quendas en función das necesidades”, apuntou García.
A edil naronea recordou que se trata dun programa dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón. “No caso de aquelas que xa participaran e estivesen matriculadas en xuño, co pago de cotas ao día e non solicitaran baixa prorrogarase a inscrición, se ben as que se queiran anotar por primeira vez deberán facelo a través da Sede Electrónica do Concello, a través do teléfono 981 102 152 –de 8.30 a 13.30 horas- para as actividades de balde que se realizan nos centros comunitarios Manuela Pérez Sequeiros e das Vivendas da Mariña, e de xeito presencial no Servizo Sociocomunitario –primeiro andar do Concello, de 8.30 a 13.30 horas de luns a venres- para actividades dirixidas a persoas maiores que se realizan nos locais sociais de cada barrio.
García indicou que no caso de quedar vacantes poderán anotarse menores de 60 anos empadroados en Narón cun informe médico que acredite a conveniencia da realización da actividade adaptada a esta idade e non estar imposibilitado para realizala e tamén as persoas non empadroadas en Narón maiores de 60 anos ou menores que cumpran os requisitos anteriores.
“Estas actividades supoñen unha oportunidade para que as persoas maiores estean en contacto entre elas con outras do seu entorno e, ao mesmo tempo, poidan realizar unha actividade do seu agrado entre a variedade das ofertadas nas diferentes ubicacións da zona urbana e rural da cidade”, asegurou a edil naronesa.