O decano da Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Enrique Urcola Fernández-Miranda, e o presidente do Xurado, Eduardo Toba Blanco, presidiron o acto de entrega dos premios do II Concurso de poesía e relato breve. Un certame de temática libre aberto á participación de todos os colexiados (e os seus familiares ata o primeiro grao), así como o alumnado da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña.
O acto tivo lugar nas instalacións de Nordés Club Empresarial (A Coruña) no serán de onte martes e contou coa participación de medio centenar de persoas, que gozou dun concerto final a cargo do grupo de música Coro Carabé, da asociación cultural “Coro de Cámara da Coruña”.
Eduardo Toba explicou que “a idea era fomentar a actividade literaria e cultural dentro do noso campo, a Enxeñería de Camiños, e facer participar ás familias e aos novos enxeñeiros”. Aproveitando a presenza no acto da directora da ETS de ICCP da Coruña, Isabel Martínez Lage, Toba propúxolle “facer unha vez ao mes un recital poético e talleres literarios para que a xente nova aprenda a escribir, a declamar e a participar na actividade humanística”.
Premiados
O Xurado estivo presidido por Eduardo Toba Blanco e conformado por Patricia Cernadas Novo, Olga Patiño Nogueira, Ana Cristina Pera Puértolas e Modesto Fraga Moure. Na súa decisión valoraron como criterios fundamentais a composición, o ritmo, a musicalidade, a transmisión de imaxes, a orixinalidade, a comunicación de sentimentos e emocións, a linguaxe…
Na sección relato curto en castelán, o gañador foi Fernando Martínez Abella, catedrático da ETS de ICCP da Coruña e Medalla ao Mérito Profesional 2020, polo seu texto “Imprevisto”; mentres que Pablo Saiz Santiago conseguiu unha mención polos seus escrito “Pareceres”. Na sección relato curto en galego, repetiu vitoria Celia Armas García, profesora de lingua e literatura galegas, este ano co texto “Vouche falar, Ramiro”. A sección de poesía en galego volveu quedar deserta por segundo ano consecutivo, mintas que Liño Ameneiro Seijo, recentemente galardoado coa Medalla ao Mérito Colexial 2021, gañou a sección en castelán polo seu poema “Mateo”, unha emotiva poesía sobre o nacemento do seu neto durante a pandemia.