Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oleiros contará cun novo parque público de 20.000 metros construído sobre solo urbano, en Dorneda


O extenso patrimonio medioambiental público do Concello de Oleiros vai incrementarse de maneira inmediata. Sandra Ortega, propietaria de 19.908 metros cadrados de solo urbano en Dorneda -entre a rúa do Mar e a rúa da Poza-, creará un gran parque público para uso e disfrute de toda a cidadanía, asumindo tamén o custo íntegro das obras.

Esta nova zona verde de uso público será singular e innovadora, con espazos flexibles, adaptados a distintos tipos de usuarios e usos grazas á configuración do propio espazo e á dotación de bancos, mesas, zona cuberta, zonas de xogo, deporte, estanque… O deseño está pensado para fomentar a biodiversidade con espazos vexetados que proporcionen hábitat, alimento e refuxio para a fauna. As obras comezarán de maneira inminente e está previsto que finalicen en febreiro do 2023.

O proxecto tratouse dende o inicio dende un punto de vista colaborativo, coa finalidade de que o parque se constrúa dende unha perspectiva social e medioambiental, conseguindo un espazo de baixo mantemento no futuro. Desde ese espírito de colaboración levan meses traballando conxuntamente tanto técnicos do Concello de Oleiros como a empresa de paisaxismo Orza Paisajismo, o Grupo Naturalista Hábitat ou a executora da obra, a empresa de economía social Trébore Jardinería.

Na rolda de prensa realizada esta mañá para presentar o proxecto, Conchi Pérez, directora técnica de Trébore Jardinería, explicou que “este proxecto nace desde a preocupación, sensibilidade e sentido da responsabilidade da promotora, con respecto ó coidado do entorno natural, apostando por fomentar accións coma esta que contribúan a minimizar o impacto que sofren os nosos ecosistemas”. Pola súa parte, o alcalde Ángel García Seoane manifestou que “os veciños e veciñas de Oleiros, así como todos os cidadáns que nos visiten, poderán gozar dun novo espazo verde público no municipio para o lecer, a convivencia, a practica deportiva, a celebración de concertos…”.

O Concello de Oleiros manifesta publicamente o seu máximo agradecemento a Sandra Ortega por ceder gratuitamente unha propiedade privada para uso público, por renunciar ao seu dereito de aproveitamento urbanístico de construción de vivendas e por sufragar a obra de creación do parque.

Sandra Ortega é veciña de Oleiros e sempre amosou unha sensibilidade e compromiso especial co seu entorno máis próximo, participando na ANPA do colexio público, asentando no municipio unha empresa de xardinería que fomenta a inclusión laboral de colectivos en desvantaxe social. Tamén a súa nai, Rosalía Mera, colaborou co Concello en diversas ocasións ao longo dos anos en diversos programas de cooperación internacional, como foi o caso do Foro Revela no que se denunciaba a situación de desamparo na que se atopaban mulleres e nenos en diferentes partes do mundo