O certame de tapas máis antigo de Galicia celebrará unha nova edición entre o 3 e o 13 de novembro
Os establecementos poderán adherirse ata o 13 de xullo a través do correo electrónico tapaspicadillo@gmail.com
O certame de tapas máis antigo de Galicia, o Concurso de Tapas Picadillo, regresa á cidade nunha XVIII edición que se celebrará desde o día 3 ata o 13 de novembro. Os establecementos interesados en participar poderán adherirse ata o 13 de xullo a través do correo electrónico tapaspicadillo@gmail.com.
Nesta décimo oitava cita, o Concurso de Tapas Picadillo combinará principalmente dúas modalidades, a Tapa Creativa e Tapa Receitario Picadillo. Tamén se poderá participar na categoría de Maridaxe, que nesta ocasión deberá incluír cervexa 1906 de Estrella Galicia, empresa colaboradora no evento. Todos os aperitivos deberán ser orixinais, elaborados de maneira artesanal e con presenza importante do produto galego km0.
Os locais gañadores na modalidade Tapa Creativa e Tapa Receitario Picadillo serán escollidos por un xurado de expertos. En canto aos premios Cidade da Coruña e Maridaxe 2022, estes serán outorgados mediante votación popular a través dunha webapp específica. Cada cliente só poderá votar unha vez por cada premio e tapa diferente que consuma.
A inscrición para participar no certame permanecerá aberta ata o 13 de xullo ás 14:00 horas. A solicitude realízase mediante un formulario en liña dispoñible enviando un correo electrónico a tapaspicadillo@gmail.com. As bases do concurso poden consultarse en https://tapaspicadillo.es/.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo