Os Picos do Sol, Peter Punk, Os Feroces da Galgueira, Encrucillada, Os da Porfía e Tanto nos ten compoñen o cartel da 27ª edición
O Concello de San Sadurniño colabora coa AVV O Castelo de Narahío achegándolle material e botando unha man nos preparativos
Tamén colaboran a Cooperativa de Meirás e a Agrupación de Protección Civil de Neda
Despois de dous anos de parón pandémico parece que este verán volveremos ter cumprida programación de festas e festivais en toda a comarca. Tamén en San Sadurniño, onde a celebración do San Paio o sábado pasado abriu unha temporada que continuará este sábado 2 de xullo en Naraío coa 27ª edición do Festival do Río Castro, organizado pola AVV O Castelo coa colaboración do Concello. Ademais, nunha fin de semana en que tocaría celebrar Santa Isabel, a área de Cultura tamén programou actuación da agrupación Xacarandaina. Será o domingo ás 13:30h na praza do Convento do Rosario.
Van aló dous anos… tres mellor dito desde que non se celebra o festival folk en Naraío. A pandemia obrigou a suspender en 2020 e 2021 esta e outras actividades promovidas pola asociación veciñal e agora a entidade quere ir recuperando azos empezando polo principal evento do seu calendario, o Festival do Río Castro, que chegará este sábado 2 de xullo á edición número 27.
Segundo a entidade, o festival seguirá mantendo a filosofía reivindicativa coa que naceu en 1994 “a favor da cultura e o respecto polo ambiente” por medio dunha xornada de festa que, en certa maneira, tenta recuperar o espírito das romarías campestres de antano, “hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico”, aseguran na web do evento.
O Castelo de Narahío convídanos a que levemos o xantar e que vaiamos preparados para pasar o día e parte da noite no campo da Bóla -ao pé da ponte medieval da Ferraría- onde teñen preparado un completo programa que arrancará ás 14:00h cunha sesión vermú animada polos Feroces da Galgueira e un entretido obradoiro de baile tradicional para aprendermos os puntos básicos.
Tralo xantar, sobre as 15:30h, Os Picos do Sol armarán distintos xogos e actividades pensadas para grandes e pequenos, enfiadas todas pola igualdade e a concienciación ambiental.
Cara ás 17:30h estará a pé de campo o sempre solvente Peter Punk Pallaso cos seus espectaculares números de malabares e clown. Ao remate do espectáculo, a iso das 18:30h empezará un dos apartados máis exitosos do festival: o campionato de xogos populares que pon a proba a forza e a pericia de quen queira sentar cátedra co tronzador, tirando á corda ou petando na chave, sempre formando equipos mixtos e paritarios.
Este ano a asociación veciñal ten programadas probas de son para as 20:30h e tentará axilizar o campionato para que finalice non máis aló das 20:45, de modo que despois tamén quedaría algo máis de hora e media para borear no toldo ou cear de vagar antes do comezo dos concertos, previsto para as 22:30h.
Na volta do festival, O Castelo de Narahío convidou para as actuacións da noite ao grupo comarcal Encrucillada, a Os da Porfía e a Tanto nos ten.
Para ampliar información de utilidade pode acudirse á web do www.festivaldoriocastro.gal, onde tamén se sinalan os espazos destinados a estacionamentos, merendadas e acampadas.
Onte mesmo a entidade actualizou o plano publicado en Google Maps e informou a través das redes sociais de que este ano hai menos espazo dispoñible na outra banda do río para pasar o día. Nos accesos principais ao festival e aos lugares da Ferraría e Saldoiro non se poderá aparcar e os estacionamentos estarán concentrados todos no lugar da Pena, a dous minutos escasos do festival.
O Concello de San Sadurniño colabora coa AVV O Castelo fornecendo material -valados, colectores, etc.- e botando unha man na loxística. A asociación veciñal tamén conta con apoio da Cooperativa de Meirás e da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil do Concello de Neda.
Xacarandaina o domingo 3 na praza do Rosario
Nesta primeira fin de semana de xullo San Sadurniño estaría celebrando as festas de Santa Isabel. Non apareceu comisión e, polo tanto, o único confirmado é a misa na igrexa parroquial, á que o Concello lle vai engadir a actuación da agrupación tradicional Xacarandaina, nacida na Coruña hai máis de 40 anos.
O espectáculo de música e baile galego terá lugar na praza do Convento do Rosario -ou praza do antigo Concello… ou diante do posto da Garda Civil- o domingo a partir das 13:30h.