Os obradoiros para maiores de 60 anos recollen anotacións ata o 25
O Concello de Oroso abre ata o xoves 24 de setembro o prazo de inscrición para os obradoiros culturais do novo curso 2015-2016. As anotacións debn tramitarse no Centro Cultural ou en internet, a través da sede electrónica do Concello: https://sede.oroso.es/gl/.
A oferta de obradoiros abrangue unha ampla variedade de propostas para todas as idades. Os veciños e veciñas poden escoller entre traballos manuais, labores, teatro, arte floral, cestaría, patchwork, debuxo e pintura, lingua de signos e bailes.
As inscricións deben efectuarse no Centro Cultural, onde ofrecen a información de cada actividade. Tamén se pode chamar ao seu teléfono, o 981 69 09 03.
Obradoiros para maiores
Por outra parte, desde o vindeiro luns 7 ata o venres 25 de setembro, o Concello tamén abrirá o período de inscrición nos obradoiros municipais para maiores de 60 anos. Neste caso, prográmanse ximnasia con grupos no Centro Cultural en Sigüeiro e nos locais sociais de Trasmonte, Senra e Os Ánxeles, ademais de música e movemento, obradoiro de memoria, tai chi e informática. As actividades darán comezo nos primeiros días de outubro e prolongaranse ata o mes de maio de 2016.
Nestes obradoiros poden participar persoas maiores de 60 anos empadroadas no municipio, aínda que se admitirán persoas de fóra se quedan prazas dispoñibles. Se a demanda supera a oferta, outorgaraselles preferencia ás persoas que nunca participaron na actividade en anos anteriores e ás que estean inscritas nun menor número de actividades. En condicións de igualdade, terán preferencia as persoas de maior idade e que por prescrición médica teñan aconsellada a actividade, ademais das que vivan soas e carezan dunha rede de apoio familiar e social.
Os lugares de inscrición dos obradoiros para maiores son o departamento de Servizos Sociais, nas mañás dos mércores e dos venres, e o departamento de Animación Social, nas mañás dos luns e dos martes. As solicitudes deben acompañar unha fotocopia do DNI e un informe médico segundo o modelo da convocatoria para as actividades de ximnasia, música e movemento e tai-chi, cuberto polo médico de cabeceira.