O xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Moisés Jorge Naranjo, recibiu esta mañá na Torre de Hércules a tres creadores de contido que permanecerán na Coruña ata o vindeiro xoves 30 de xuño
A través desta visita, os comunicadores poderán coñecer de primeira man e difundir o valor do patrimonio histórico, cultural e gastronómico da cidade herculina para máis de dous millóns de usuarios
A Coruña e o seu enorme potencial gastronómico, cultural e histórico serán os protagonistas dunha nova acción publicitaria a cargo dun equipo de tres ‘influencers’ que promocionarán a cidade en redes sociais cunha audiencia de máis de dous millóns de usuarios.
O xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Moisés Jorge Naranjo, recibiu esta mañá na Torre de Hércules a Jonatan Rius, Alberto Ribas e Ignacio Izquierdo, creadores de contido multimedia que contarán cun operador de cámara que os acompañará ao longo da viaxe. Este equipo de comunicadores permanecerá na cidade ata o vindeiro xoves 30 de xuño.
A campaña de promoción entre o Consorcio de Turismo e a plataforma Minube.com permitirá difundir a marca turística da Coruña a máis de dous millóns de usuarios en Instagram, Facebook e Twitter. Dentro da súa estancia, o equipo de ‘influencers’ participará en visitas guiadas polos principais puntos turísticos da cidade, como a propia Torre de Hércules e o seu Parque Escultórico, o mercado de abastos da praza de Lugo, o Aquarium Finisterrae ou as instalacións do Museo MEGA, entre outras actividades.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e
atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.